Inicio Galicia Preséntanse en Santiago 'Camiños de paixón', de Carlos Meixide

Preséntanse en Santiago 'Camiños de paixón', de Carlos Meixide

0

A obra foi a gañadora do I Premio de Novela ‘Camiño de Santiago’, convocado pola Xunta e a Academia Xacobea co obxectivo de promover o fenómeno xacobeo


O compostelán Pazo de San Roque acolleu hoxe a presentación da obra Camiños de paixón, coa que Carlos Meixide se fixo co I Premio de Novela Camiño de Santiago, convocado pola Academia Xacobea e a Consellería de Cultura e Turismo co obxectivo de promover e divulgar a peregrinación e o fenómeno xacobeo. O galardoado recibe 6000 euros e a publicación do traballo pola Editorial Galaxia.

No acto participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que expresou o seu agradecemento á Academia Xacobea “por apoiar e dinamizar a escrita no noso idioma propio por medio da iniciativa, así como aos autores que teñen a lingua galega na base da súa creatividade”. Participaron no acto, canda García e Meixide, o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou; o presidente do xurado e escritor, Ulises Bértolo, e mais o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro.

O Camiño de Santiago constitúe o tema referencial da novela premiada a través dunha historia que aborda a vía xacobea como un pretexto para afondar na natureza humana a partir de dúas mulleres que, levadas polo azar e pola paixón, farán o Camiño xuntas. Ao longo das súas páxinas, un caso de terrorismo internacional inesperado e mais unha reflexión sobre o poder do erotismo e das moitas formas de amor.

O autor, Carlos Meixide, é escritor, xornalista e humorista galego. Publicou en 2005 a primeira novela galega editada en internet, O home inédito, e autoedita os seus traballos desde 2014. É tamén autor das novelas Ons, Cans, Guitiriz e Arousa, unha serie de aventuras de adolescentes en distintos lugares de Galicia que alcanzaron notable popularidade.

I Premio de Poesía ‘Camiño de Santiago’A Academia Xacobea e a Consellería de Cultura e Turismo convocaron en maio o I Premio de Poesía Camiño de Santiago, ao que poden concorrer, ata o vindeiro 24 de agosto, todos os e as poetas de calquera lugar do mundo que presenten un poemario orixinal en galego ou castelán, cuxo contido oscile entre os 450 e os 550 versos arredor do tema “a vida como camiño” e que manteñan unha vinculación co Camiño de Santiago desde a perspectiva do conxunto do poemario. A obra gañadora recibirá 1500 euros, un diploma acreditativo e a publicación da obra, tanto en galego coma en castelán, pola Editorial Carena. Haberá tamén un accésit sen dotación económica para a mellor obra literaria redactada no idioma que non obteña o primeiro premio.

A decisión do xurado darase a coñecer o 17 de setembro e o premio entregarase nun acto público en decembro de 2019. Toda a información e bases no Portal da Lingua Galega.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre