Inicio Galicia Portos de Galicia destinou preto de 800.000 euros á conservación de infraestruturas...

Portos de Galicia destinou preto de 800.000 euros á conservación de infraestruturas na provincia da Coruña en 2018

0

Entre as principais actuacións destacan as melloras en materia de seguridade, programas de mantemento do alumeado e pavimentado de pantaláns

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, destinou preto de 800.000 euros a tarefas de conservación e mellora das infraestruturas dos peiraos autonómicos da provincia da Coruña ao longo do pasado ano 2018. Así se recolle no balance do capítulo II do orzamento do organismo para 2018, dedicado ao gasto en conservación e mantemento que o ente público realiza de xeito regular.

Neste sentido, cómpre lembrar que Portos de Galicia atende o día a día de 122 peiraos ao longo dos 1.700 quilómetros de costa da nosa comunidade, entre eles, arredor de 70 na provincia da Coruña, dos que aproximadamente medio centenar manteñen actividade produtiva habitual. Para esta atención establécese un protocolo de vixilancia que pasa pola tarefa de control que realizan os gardapeiraos de Portos de Galicia, os avisos directos dos usuarios e o traballo da empresa de prevención de riscos que o ente público ten contratado para o conxunto dos peiraos.

En relación ás liñas de traballo das tarefas de mantemento realizadas, os 800.000 euros achegados aos peiraos coruñeses destináronse fundamentalmente a actuacións de mellora da seguridade para as persoas e as embarcacións, programas de mantemento de alumeado e abastecemento e saneamento de augas e pavimentación de pantaláns.

Así mesmo, destaca a prioridade outorgada aos portos con maior actividade produtiva, especialmente á atención ás necesidades do sector profesional. Así, pódese subliñar o gasto realizado en portos como o de Ribeira, con 60.000 euros –que se suman aos 430.000 destinados do Capítulo de Inversións a obra menor no mesmo ano-, 35.000 euros en Rianxo, 25.000 en Portosín, 12.000 euros en Malpica, 15.000 euros en Cee ou 10.000 en Sada.

Gasto tramitado en 2019Finalmente, no relativo ao gasto xa tramitado a día de hoxe para conservación e mantemento na provincia neste exercicio, cómpre subliñar que pese a ter transcorrido menos de dous meses deste ano, o ente público tramitou xa unha partida de 157.000 euros para as instalacións portuarias coruñesas.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre