Inicio Galicia Portos de Galicia contrata obras de renovación de elementos en Celeiro, Burela...

Portos de Galicia contrata obras de renovación de elementos en Celeiro, Burela e Foz por importe global de 91.000 euros

0

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que afectan a pavimentos, cubertas, varandas e accesos principalmente

O ente público Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar, vén de contratar obras de reposición e renovación de elementos nos portos de Celeiro, Burela e Foz por importe global de 91.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que as actuacións se desenvolverán durante as vindeiras semanas e afectarán a pavimentos, accesos, cubertas ou varandas principalmente.

Así, en Celeiro procederase á reposición do firme ríxido de formigón no peirao comercial, nunha superficie de 300 metros cadrados e cun espesor medio de 30 centímetros. Os rexistros que se atopan dentro da zona de actuación serán reparados e elevados á nova cota da explanada e repostos os cercos que se atopen en mal estado. Tamén se reparará a canle da cuberta da nave de redes do peirao sur, entre outros puntos.

En Foz construirase un novo acceso ás instalacións náutico-deportivas desde a beirarrúa. Instalarase unha nova rampla no pantalán, cunha lonxitude aproximada de 14 metros lineais e un metro interior de ancho. Igualmente, a petición da confraría de pescadores local, acondicionarase a canle de recollida de augas e realizaranse outras melloras na cuberta da lonxa.

En Burela a actuación principal consistirá na renovación dos elementos de seguridade de acceso á punta do espigón. Prevese a instalación de 120 metros lineais de varanda en aceiro galvanizado en quente por inmersión, lacado en forno de cor branco. Inclúese a renovación do sistema de peche de malla, colocando un sistema de barrotes verticais e unha porta accesible para labores de mantemento. Neste porto tamén se actuará sobre as cubertas de varias instalacións.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre