Inicio Galicia Portos de Galicia consensúa coas asociacións náuticas as accións promocionais de cara...

Portos de Galicia consensúa coas asociacións náuticas as accións promocionais de cara ao Xacobeo 21

0
image_gallery.jpg

O ente público coordinará unha travesía do Camiño por mar con Northmarinas, Asnauga e Marinas de Galicia


Portos de Galicia está a traballar conxuntamente coas asociacións náuticas da nosa comunidade no deseño da estratexia promocional do sector de cara ao Xacobeo 21. Con esta finalidade, a presidenta do ente público, Susana Lenguas, mantivo esta mañá unha reunión de traballo cos representantes de Northmarinas, Asnauga e Marinas de Galicia na sede de Portos na Coruña. Ao encontro acudiu tamén o secretario xeral da Asociación Nacional de Empresas Náuticas (ANEN), Carlos Sanlorenzo, pois é a entidade de referencia do sector a nivel estatal.

Susana Lenguas trasladou aos colectivos sectoriais a vontade do ente público de coordinar o traballo dos axentes náuticos para unha promoción conxunta do sistema portuario galego. Entre elas destacou a organización dunha única travesía do Camiño por mar na que participarán navegantes das tres asociacións e que recalará en diferentes dársenas deportivas do conxunto do litoral autonómico, dinamizando tanto as instalacións portuarias como o sector auxiliar das vilas mariñeiras.

Ademais, a Administración pública e as entidades colectivas organizarán unha viaxe promocional de prescriptores nacionais e internacionais do sector náutico a Galicia para dar a coñecer o sistema portuario galego a navegantes do resto do Estado así como de Europa co obxectivo de captar novos clientes co gallo do Xacobeo 21.

Durante a reunión de traballo ambas partes afondaron ademais en posibles alternativas de actividade náutica no contexto actual de crise pola covid-19 e propostas de actuación no medio prazo de cara á recuperación e desenvolvemento do sector.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre