Inicio Galicia Portos de Galicia asina o contrato das obras para a dragaxe do...

Portos de Galicia asina o contrato das obras para a dragaxe do peirao de Laxe

0

O obxectivo do proxecto, que conta cun orzamento de arredor de tres millóns de euros, é mellorar a operatividade e a seguridade do peirao

Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar, vén de asinar o contrato das obras para a dragaxe do porto de Laxe (A Coruña) polo que a empresa adxudicataria iniciará proximamente os traballos preliminares e preparatorios para a execución desta actuación. O obxectivo do proxecto, que conta cos preceptivos informes técnicos e ambientais, é dar resposta ás demandas dos profesionais desta localidade e mellorar a operatividade e a seguridade do peirao.

A obra, que conta cun orzamento de arredor de tres millóns de euros, pretende contrarrestar os riscos que teñen para a seguridade das embarcacións os efectos asociados ás ondas longas no porto e é froito de varios estudos relacionados coas dinámicas e axitación provocadas polas ondas no peirao de Laxe. A dragaxe da dársena permitirá que haxa un calado suficiente para o fondeo seguro dos barcos en determinadas condicións de fortes variacións do nivel da auga dentro do porto.

Os traballos previstos inclúen a dragaxe xeral do peirao para acadar os 5 metros de calado en toda a dársena portuaria. Así mesmo, ampliarase a operatividade do peirao da lonxa, ao dotalo dun calado de 3 metros. Para levar a cabo estas actuacións será necesaria a retirada dos trens de fondeo e a pasarela existentes na zona. Os trens de fondeo volveranse a instalar á finalización de cada campaña de dragaxe e ao remate dos traballos.

Entre as actuacións incluídas no proxecto está ademais a instalación dun novo radar no peirao para a toma de datos de ondada, dado que o anterior equipo de medida está avariado. Con eses datos, unha vez rematadas as obras, farase un seguimento e as correspondentes análises para telas en conta de cara a coñecer o comportamento da dársena coa súa nova configuración.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre