Inicio Galicia Portos abre o prazo de solicitude de prazas de amarre náuticas por...

Portos abre o prazo de solicitude de prazas de amarre náuticas por vía telemática

0

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio da resolución neste eido, que entra en vigor mañá

Portos de Galicia abre a partir de mañá un novo procedemento de solicitude por vía telemática de prazas de amarre náuticas, tanto das instalacións que xestiona directamente o ente público como daquelas xestionadas a través dunha concesión privada pero nas que o organismo portuario é o encargado de adxudicar os amarres. Así o recolle o anuncio publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia e que terá vixencia a partir de mañá. Con esta resolución avánzase na administración electrónica e na simplificación da tramitación administrativa co obxectivo de prestar un servizo máis cómodo e eficiente aos usuarios dos portos autonómicos.

A resolución aprobada pola presidenta do ente dependente da Consellería do Mar, Susana Lenguas, pode ser consultada tamén na páxina web do organismo no apartado de Xestións, Tramitacións en liña. Será de aplicación ás instalacións menores, que dispoñen de prazas de pequena eslora -ata oito metros- nas que unicamente se presta o servicio de amarre e ás instalacións de maior envergadura -portos deportivos- nas que se prestan diversos servizos a través dunha empresa ou entidade concesionaria.

Coa entrada en vigor desta resolución, as listas de espera que puidesen existir con anterioridade quedarán sen efecto e os interesados deberán presentar unha nova solicitude por vía telemática, a través de medios online. Non obstante, abrirase un prazo preferente de 30 días naturais previos á apertura do prazo xeral de solicitude para estes usuarios que estivesen xa en lista de espera e que optarán a un posto preferente.

Polo que respecta ás solicitudes presentadas con anterioridade a esta convocatoria e que se atopen pendentes de adxudicación de praza en portos sen lista de espera, serán resoltas sen necesidade de que o solicitante teña que presentar unha nova solicitude.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre