Inicio Galicia Pontevedra acada cifras récord durante a última década cun crecemento do 39%...

Pontevedra acada cifras récord durante a última década cun crecemento do 39% no número de viaxeiros

0

O conselleiro de Cultura e Turismo presentou o balance do sector nesta provincia, que en 2019 superou os 1,7 millóns de viaxeiros e os 4,3 millóns de noites


A provincia de Pontevedra acadou na última década cifras turísticas récord, cun incremento acumulado do 39% no seu número de viaxeiros, o que a converte na provincia na que máis medrou o turismo nos últimos dez anos. Avanzouno esta mañá o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, nunha rolda de prensa na que presentou o balance do sector nesta provincia e na que estivo acompañado pola directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

En concreto, a provincia mantén a liña de crecemento turístico rexistrado en toda a Comunidade tras recibir en 2019 máis de 1,7 millóns de viaxeiros, un 6,9% máis, e tras superar o volume dos 4,3 millóns de noites, unha suba do 5,2%, acadando así os mellores rexistros da súa historia nestes dous indicadores. Con todo, o titular de Cultura e Turismo salientou que esta evolución é aínda “máis significativa” se temos en conta o incremento experimentado na última década, xa que a provincia rexistrou alzas do 39% no volume de turistas e do 27% no número de pernoitas.

Segundo Román Rodríguez, estas cifras demostran a eficacia do modelo turístico impulsado pola Xunta en toda a Comunidade da man do sector e en colaboración coas distintas administracións. Trátase dun modelo centrado no fomento da calidade e a excelencia e que aposta pola mellora da competitividade e profesionalización co obxectivo de atraer visitantes durante todo o ano grazas a valores como a enogastronomía, a paisaxe, a natureza ou o patrimonio.

Datos históricos no turismo ruralNeste sentido, salientou o incremento en todos os mercados, tanto no referente ao turismo interno, ao rexistrar unha suba da demanda do 4%, como no turismo nacional, superando as máis de 1,8 millóns de pernoitas. Con todo, destaca especialmente o crecemento no turismo internacional, que experimentou un alza da demanda do 13% e do 17% na cifra de viaxeiros. Neste aspecto, Román Rodríguez puxo en valor as accións de promoción realizadas polo Goberno galego nas feiras máis importantes do mundo e en mercados especializados.

No que respecta aos diferentes tipos de aloxamento, os hoteis e pensións englobaron o 80% de demanda da provincia. Sen embargo, destaca especialmente o incremento do turismo rural, rexistrando máis de 51.000 viaxeiros, a cifra máis elevada da década.

Alza dos principais destinos urbanosO conselleiro de Cultura e Turismo repasou tamén o comportamento dos principais destinos turísticos da provincia e salientou o seu bo comportamento, medrando non só cuantitativamente senón tamén cualitativamente. No caso de Vigo, pechou o 2019 situándose como o terceiro destino urbano en demanda turística tras Santiago e A Coruña ao rexistrar máis de 420.000 viaxeiros, un 3% máis, e preto de 950.000 noites, o que supón un alza do 14,2%.

No caso de Sanxenxo, pechou o pasado ano con máis de 880.000 noites (+4,5%) e mais de 270.000 viaxeiros, rexistrando tamén un incremento da estadía media do 4,7%. Pola súa banda, a cidade de Pontevedra acadou un alza da demanda do 13,6%, con máis de 260.000 noites, e do 1% no que respecta ao número de viaxeiros, mentres que no caso do Grove, acadou máis de 116.092 viaxeiros (+3,7%) e 310.000 pernoitas (+1,8%).

Xeodestinos e Camiño de SantiagoAdemais, no que respecta aos xeodestinos, dous dos tres máis demandados polos visitantes situáronse nesta provincia, como é o caso do xeodestino Ría de Arousa, que acadou máis de 1,4 millóns de pernoitas; Ría de Vigo e Baixo Miño, con 1,3 millóns, ou Deza Tabeirós, con 97.585. Do mesmo xeito, o xeodestino Ría e Terras de Pontevedra foi o terceiro de toda a Comunidade que máis medrou en 2019, cun alza do 13,7%.

Mentres, no que respecta ao Camiño de Santiago, os distintos itinerarios que transcorren pola provincia de Pontevedra achegaron máis do 30% dos peregrinos o que demostra –puntualizou Román Rodríguez– a aposta da Xunta por impulsar todos os Camiños favorecendo a descentralización de fluxos. Destaca especialmente o pulo do Camiño Portugués, con máis de 70.000 que recibiron a súa Compostela, seguido do Camiño Portugués da Costa, con máis de 22.000 peregrinos, por diante da Vía da Prata, con máis de 9.000, e o Camiño de Inverno, con máis de 1.000.

Accións de fomento dun turismo de calidadeO conselleiro de Cultura e Turismo destacou que estas cifras reflicten a eficacia do modelo turístico galego, centrado en fomentar un turismo de calidade, e lembrou que a Xunta impulsou durante o pasado ano máis de 12 millóns de euros en 2019 en distintas iniciativas de impulso a un turismo de calidade en máis de 200 establecementos, empresas, concellos ou oficinas de turismo, así como na mellora, sinalización e mantemento dos distintos Camiños ao seu paso pola provincia. Neste eido, destacou investimentos para mellorar infraestruturas turísticas en máis de 30 concellos, para modernizar medio cento de establecementos de aloxamento, para o turismo de festivais ou para o apoio, organización e promoción das festas de interese turístico.

No marco das accións centradas nos catro Camiños de Santiago que trascorren pola provincia destacou o investimento de máis de 1,2 millóns de euros en accións de mantemento, máis de 1,7 millóns para melloras de sinalización ou máis de 3,1 millóns para a creación de do novo albergue de Vigo, a reforma do de Lalín e a ampliación do de Pontevedra xunto co mantemento dos 10 establecementos que conforman a rede pública situados na provincia.

Destacou ademais a realización de grandes obras de rehabilitación na provincia por valor de máis de 1,5 millóns de euros, entre as que destaca a restauración da igrexa de Santa María de Baiona, a de Santa María A Maior de Pontevedra, o Mosteiro de Carboeiro, o Castro de Montealegre en Moaña ou a igrexa de Nantes, en Sanxenxo, entre outras.

Por último, o conselleiro de Cultura e Turismo salientou o intenso labor de promoción turística por parte da Xunta, ao acometer máis dun cento de accións promocionais en países, algunhas das cales permitiron traer a xornalistas de países como China, Rusia ou Filipinas a emprazamentos singulares da provincia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre