Incrementará nun 5,2% os orzamentos para a atención á dependencia de cara ao 2020 ata chegar aos 450 millóns de euros
O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, visitou hoxe ás persoas maiores de Cogama-Asogapem con quen o Goberno galego mantén durante os últimos anos un convenio de colaboración de 40.000 euros. Alí destacou a importancia dunha sociedade integradora e respectuosa cos seus maiores e gabou o labor desta entidade na procura deste obxectivo.
O director xeral puxo o acento na colaboración entre as administracións e as distintas entidades para axudar ás persoas maiores a vivir esta etapa das súas vidas como e onde decidan. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego vén impulsando iniciativas que buscan dar todas as facilidades necesarias para poder facelo.
Así, Ildefonso de la Campa sinalou que a Administración autonómica incrementará no vindeiro exercicio nun 5,2% os orzamentos para a atención aos maiores e á dependencia, ata chegar aos 450 millóns de euros, isto é, seis de cada dez euros xestionados pola Consellería de Política Social.