Inicio Galicia Política Social premia o talento das mozas e mozos galegos nas disciplinas...

Política Social premia o talento das mozas e mozos galegos nas disciplinas de fotografía e artes plásticas do certame Xuventude Crea

0
image_gallery.jpg

En Artes Plásticas o primeiro premio foi para a compostelá Adriana Brantuas Arijón pola escultura ‘A memoria do baleiro’


A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe a mostra das obras finalistas nas categorías de Fotografía e Artes Plásticas do certame Xuventude Crea 2020, que estarán expostas ao público na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela ata o vindeiro día 21 de novembro. Na visita déronse a coñecer as creacións gañadoras do programa, que ten como obxecto impulsar o talento, a creatividade e a innovación das mozas e mozos galegos.

Na edición deste ano presentáronse un total de 88 obras na modalidade de Fotografía e 61 obras na de Artes Plásticas (41 pinturas e 20 esculturas). De todas as creacións presentadas, seleccionáronse como finalistas 32: 18 na especialidade de Fotografía e 14 na de Artes Plásticas (4 esculturas e 10 pinturas).

No apartado de Artes Plásticas o primeiro premio foi para Adriana Brantuas Arijón, coa escultura A memoria do baleiro (Santiago de Compostela); o segundo recaeu en María del Mar Ramón Soriano pola súa peza escultórica titulada Desnudo, juego de bolos (Ourense); e o terceiro premio resultou compartido entre Sara Piñeiro Fernández, coa pintura Pandermia —serie magma, simulacións do corpo ubicuo— (Lalín) e María López Quiroga pola obra pictórica Atlas de xeografía cognitiva (Lugo).

Ademais, concedeuse unha mención de honra á escultura feita por Lois Anxo Cid García e titulada Pedra universal (Ourense).

As mellores fotografíasPola súa parte, na especialidade de fotografía, os premiados foron: Helena Lafuente González, gañadora do certame coa obra O pasado esquecido (Bergondo); o segundo premio foi compartido por Cecilia López Prego con Nihil timeo (Oleiros) e Eva Antelo Mata coa instantánea Contratempo. Canción triste do nunca habilitado nº2 (Santa Comba); e terceiro premio tamén outorgouse compartido entre Adrián Vázquez Rodríguez coa proposta titulada A outra festa (Lugo) e Olaya Rodríguez Pérez pola fotografía A sombra da utopía (Verín).

Nesta modalidade tamén se concederon dúas mencións de honra a Sergio Barral Roo por Natureza viva na avoa (Noia); e a Coral Hermo Calvo pola obra Coleccionista de mundos. Parte I (Noia).

Catorce categoríasO programa Xuventude Crea vai dirixido a mozas e mozos residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 16 e os 30. Ademais de Fotografía e Artes Plásticas, o certame premia as mellores creacións noutras 12 disciplinas: Teatro, Banda deseñada, Cociña, Creación de videoxogos, Danza moderna, Deseño de xoias, Graffiti, Moda, Música, Novela Curta, Poesía e Videocreación.

Xa se coñecen tamén os gañadores na categoría de Teatro, que foron os grupos Palimoquiños e Cía de Lugo (primeiro premio); Loghengrin Teatro de Vigo (segundo clasificado) e Farándula Velutina de Corcubión (terceiro premio). Así mesmo, mañá sábado terá lugar a fase final da especialidade de Graffiti na Alameda de Santiago de Compostela, a partir das 12,30 horas.

Os premios para cada especialidade son de 3000 euros o primeiro premio, 1500 euros o segundo premio e 1000 euros o terceiro premio. O xurado tamén pode outorgar mencións de honra, sen dotación económica.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre