Inicio Galicia Policía Autonómica e axentes forestais esclarecen incendios nos concellos de Dodro, Ribadavia,...

Policía Autonómica e axentes forestais esclarecen incendios nos concellos de Dodro, Ribadavia, A Lama e Cuntis

0

O lume de Dodro afectou unha superficie de 1.162 hectáreas a semana pasada

Axentes do Grupo de Incendios da Policía Autonómica, en colaboración con axentes forestais, veñen de esclarecer incendios nos concellos de Dodro, Ribadavia, A Lama e Cuntis.

O lume de Dodro, que deu comezou o pasado luns na parroquia de San Xoán de Laíño, afectou unha superficie aproximada de 1.162 hectáreas, das que 1.092 foron de arborado e 70 de raso. O incendio orixinouse nun tramo da instalación de distribución de enerxía eléctrica (alta tensión), no lugar de Bexo. Alí detectouse unha avaría nun poste do que saían chispas que caían o chan onde se sitúa o inicio de incendio. Do actuado remitiuse atestado ao Xulgado de Instrución en funcións de garda de Padrón (A Coruña).

No caso de Ribadavia, os axentes tomaron declaración a un varón como presunto autor dun incendio forestal o pasado 22 de marzo. O incendio produciuse cando o investigado realizaba unha queima de restos forestais e lixo á beira dunha pista, sen ningún tipo de comunicación ou autorización, aplicando directamente o lume, sen tomar as medidas de seguridade pertinentes. Arderon 0,02 hectáreas de monte raso. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de garda de Ribadavia (Ourense).

Na Lama, os axentes tomaron declaración a dous varóns pola súa suposta autoría dun lume forestal que tivo lugar o 21 de marzo, na parroquia de San Bartolomeu da Xesta. Arderon 1,4 hectáreas de superficie arborada despois de que os investigados realizasen unha queima de maleza, sen o correspondente permiso e sen adoptar medidas de seguridade. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de instrución de garda de Pontevedra.

En Cuntis, tomouse declaración a un varón por un incendio ocorrido o 24 de marzo no lugar de Gontade, na parroquia de Piñeiro, no que arderon 3,54 hectáreas de superficie arborada. O incendio orixinouse cando o investigado realizaba unha queima de restos forestais sen adoptar as preceptivas medidas de seguridade. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de instrución en funcións de garda de Caldas de Reis.

Na actual campaña contra os incendios forestais do 2019, un total de 25 persoas foron investigadas pola Policía da Xunta de Galicia, como presuntas autoras de incendios forestais. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre