Inicio Galicia Perfecto Rodríguez visita a escola infantil da rede autonómica A Galiña Azul...

Perfecto Rodríguez visita a escola infantil da rede autonómica A Galiña Azul no concello de Baiona

0

O centro, que oferta 82 prazas e 6 unidades, conta con 75 alumnos e polo de agora recibiu 50 solicitudes de praza para o próximo curso 2019-2020


O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, Perfecto Rodríguez, acompañado polo alcalde de Baiona, Ángel Manuel Rodal, e por persoal técnico, visitou hoxe a escola infantil da rede autonómica A Galiña Azul nese municipio pontevedrés.

O xerente do Consorcio e o rexedor aproveitaron a súa presenza no centro para analizar as posibles melloras que se poderían acometer nel e que se realizarían de acordo co modelo de cofinanciamento establecido no Acordo Marco entre a Consellería e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). O Concello sería o encargado de executar as obras e o seu importe sería financiado pola Administración autonómica mediante descontos nas liquidacións que o consistorio ten que pagar anualmente ao Consorcio pola xestión dese centro.

A escola infantil de Baiona, situada no número 4 da rúa Arquitecto Palacios, oferta un total de 82 prazas, repartidas en 6 unidades, e conta no presente curso 2018-2019 con 75 alumnos (15 do grupo de 0 a 1 anos; 25, do grupo de 1 a 2; e 35, no grupo de 2 a 3). Para o próximo curso 2019-2020, ese centro recibiu un total de 50 solicitudes de praza, no proceso ordinario de matriculación que culminará no próximo mes de xuño e cuxas listas provisionais de admitidos e agarda publicáronse o pasado venres, 10 de maio.

Nas escolas infantís da Galiña Azul existen ademais outros dous períodos de matriculación, os extraordinarios de setembro e decembro, habilitados principalmente para as nenas e nenos que nazan despois do remate do proceso ordinario. Cómpre lembrar tamén que todos aqueles alumnos que non logren acadar unha praza nun centro público, ben sexa da Galiña Azul ou municipal, terán dereito a percibir as axudas do Bono Concilia para sufragar parte dos gastos nunha escola privada ou de iniciativa social, sempre que inicialmente marcaran esa opción na súa solicitude de praza.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre