Inicio Galicia Ovidio Rodeiro visita o obradoiro de emprego de Mugardos que formará a...

Ovidio Rodeiro visita o obradoiro de emprego de Mugardos que formará a 20 alumnos en atención sociosanitaria e carpintería

0

O delegado territorial destacou que a Xunta financiará 3 talleres de formación e 53 cursos AFD na comarca cun investimento que supera os 3,1M€


O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, participou esta mañá na apertura do obradoiro de emprego de Mugardos, compartido con Ares, Cabanas, Fene e Neda, que oferta 20 prazas para formar a 10 alumnos en Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio e a outros 10 en Traballos de Carpintería e Moble. Este obradoiro de emprego conta cun orzamento de 336.000 euros.

Os participantes neste taller de formación e emprego dual poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro.

Concretamente o taller sociosanitario ten previsto a realización das súas prácticas de atención social nos concellos participantes e o de carpintería recolle a realización de fiestras no mosteiro de Santa Catalina en Ares, a fabricación de 20 papeleiras e catro cubrecontedores en madeira en Cabanas, a reposición de elementos de carpintería no CEIP O Ramo de Fene, a reposición de materiais deteriorados no paseo marítimo de Neda e a colocación de mobiliario urbano en madeira en Mugardos.

Ovidio Rodeiro destacou que “o obxectivo é seguir formando aos desempregados dos concellos galegos para incrementar as súas posibilidades de atopar un emprego, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación das empresas da contorna”.

Na súa intervención lembrou que “en Ferrolterra a Xunta de Galicia financia 3 talleres de formación e emprego dos cales dous deles son de carácter ordinario, onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade e 1 de garantía xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá en políticas activas de emprego na comarca máis de 852.000 euros”Os obradoiros duais son os de Vilarmaior compartido con Aranga, Irixoa e Monfero e o de Mugardos con Ares, Cabanas, Fene e Neda. Pola súa banda, o obradoiro de garantía xuvenil impartirase en Fene compartido con Cabanas, Ares, Mugardos e Neda.

Estes obradoiros permitirán que un total de 56 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais serán de 9 meses e os de garantía xuvenil de 6 meses.

Cursos AFDO delegado territorial da Xunta tamén lembrou que na comarca de Ferrolterra impartiranse 53 cursos AFD (Accións Formativas dirixidas a Desempregados) para formar a 795 alumnos cun investimento que supera os 2,3 millóns de euros. Estes cursos celebraranse a súa maioría en empresas e entidades sen ánimo de lucro e catro deles estarán organizados polo concello de Narón. Os organizadores ofertarán accións formativas nos principais sectores da economía, primando a formación no eido do naval, a automoción, a edificación e obra civil, así como competencias clave e dixitais.

Os alumnos e alumnas interesados en acceder a esta formación poderán contactar coa entidade ou o centro para realizar a súa preinscrición no curso da súa elección. Ademais, poderán acceder a un certificado de profesionalidade que lles abrirá novas oportunidades laborais.

Os alumnos que participen nestes cursos tamén teñen dereito, sempre que cumpran uns requisitos, a becas que inclúen transporte, manutención, aloxamento, conciliación e apoio a alumnos vítimas de violencia de xénero ou con necesidades especiais.

Esta iniciativa, que se enmarca na Axenda 20 para o Emprego, conta co obxectivo de seguir incrementando a ocupabilidade das persoas sen un traballo, facilitándolles o seu acceso ao mercado laboral, ao tempo que se dota a Galicia dun capital humano máis formado de acordo ás necesidades reais das empresas. A convocatoria destes cursos é plurianual (2019-2020), o que posibilitará que se imparta unha formación máis completa e, polo tanto, lógrase unha maior empregabilidade dos alumnos.

Ovidio Rodeiro finalizou a súa intervención puntualizando que “só con estes dous programas a Xunta de Galicia investirá nesta área de Ferrolterra máis de 3,1 millóns de euros para impartir os 3 obradoiros e os 53 cursos AFD”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre