Inicio Galicia Ovidio Rodeiro visita o CPI Fonte Díaz de Touro, onde Educación acometeu...

Ovidio Rodeiro visita o CPI Fonte Díaz de Touro, onde Educación acometeu unha reforma integral cun investimento de 544.000 ?

0

O proxecto, que se iniciou en xullo, tivo como principal obxectivo a mellora da eficiencia enerxética do centro


O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe o Centro Público Integrado (CPI) Fonte Díaz de Touro, para comprobar as obras de reforma integral -enerxética e funcional- levadas a cabo pola Consellería de Educación neste centro e que supuxeron un investimento de 544.000 euros.

Na visita, na que estivo acompañado do alcalde de Touro, Ignacio Codesido, Ovidio Rodeiro destacou que “este proxecto supuxo unha reforma integral do CPI Fonte Díaz, que non só permitirá aforrar no consumo de luz e calefacción, senón que tamén redundará nunha maior comodidade para o profesorado e o alumnado, así como axudará a contribuír na concienciación e sensibilización dos máis pequenos na importancia do coidado do medio ambiente con modelos de desenvolvemento sostible”.

Rodeiro tamén anunciou que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional continuará realizando proxectos deste tipo nos centros educativos e que no vindeiro ano está previsto que actuacións similares a este de Touro se leven a cabo nos CEIP’s da Ramallosa, en Teo, e no Felipe de Castro de Noia.

Substitución da cuberta e illamento térmico O proxecto levado a cabo no CPI de Touro contemplou a reforma de todo o tellado do edificio principal do centro, dotándoo dunha capa de illamento, a modificación dos canelóns e substitución das baixantes; e aplicouse un sistema de illamento térmico nas paredes exteriores. Tamén nas fachadas exteriores substituíuse a vella carpintaría de fiestras e portas por outra de aluminio con rotura de ponte térmica, vidros de dobre folla e persianas metálicas integradas. Por último, cambiáronse as luminarias interiores das aulas e locais, que pasaron de ser tubos fluorescentes a focos con tecnoloxía led, e pintouse todo o interior do centro.

Desde que se puxeron en marcha estas accións, en 2016, a Consellería leva investidos máis de 13 millóns de euros en obras de rehabilitación enerxética e integral de 29 centros escolares de toda Galicia, todos eles construídos hai décadas.

Con estas actuacións a Consellería de Educación dá cumprimento á Estratexia Europa 2020 e á Estratexia de aforro e eficiencia enerxética no sector público galego para o período 2015-2020, na que a Xunta de Galicia é pioneira entre o conxunto de administracións públicas.  

No hay comentarios