Inicio Galicia Ovidio Rodeiro presenta en Fitur a Costa da Morte como un destino...

Ovidio Rodeiro presenta en Fitur a Costa da Morte como un destino con personalidade propia ligada á natureza, ao patrimonio, á gastronomía e ao Camiño de Santiago

0

O delegado territorial da Xunta na Coruña participou na presentación de “Catro formas de vivir Costa da Morte intensamente”, organizada por CMAT-Costa da Morte Asociación de Turismo


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou, esta tarde, nunha das presentacións da programación de Galicia que se levaron a cabo na 40º edición de Fitur, a Feira Internacional de Turismo que se celebra en Madrid desde hoxe mércores e que rematará o venres.

O delegado territorial destacou, na súa intervención, que “a nosa comunidade ten unha oferta moi diversificada e é quen de ofrecer atractivos turísticos repartidos por toda a xeografía galega. En cada zona, póñense en valor os seus mellores recursos propios, o que axuda a especializar a oferta e a desestacionalizar a chegada de visitantes, sempre con dúas premisas: a calidade e a sustentabilidade a todos os niveis”.

O representante do goberno autonómico puntualizou que o “apoio da Xunta aos distintos xeodestinos de Galicia ten por obxectivo a diversificación da oferta e que a actividade turística sexa quen de dinamizar as economías locais, contribúa a poñer en valor os recursos naturais, culturais e etnográficos e que se sitúen como un instrumento eficaz de reequilibrio territorial, nomeadamente no rural galego”.

Dentro desta filosofía Ovidio Rodeiro participou na presentación “Catro formas de vivir Costa da Morte intensamente”, organizada por CMAT-Costa da Morte Asociación de Turismo que conta cunha achega da Xunta de Galicia a través dun convenio vixente de 115.000 euros para o desenvolvemento das súas actividades.

O delegado territorial referiuse a algunhas das iniciativas que está apoiando a Xunta nesta comarca. Concretamente, lembrou os 34.000 euros para a mellora da accesibilidade da pasarela da Fervenza do Ézaro e a adaptación do contedor marítimo para equipamento urbano na praia de Osmo en Corme con 30.500 euros.

Ademais, lembrou que nesta comarca a Consellería de Cultura apoia a moitas festas tradicionais e de interese turístico como son a Romaría da Nosa Señora da Barca, a festa da Caguía de Carnés, a romaría de Santo Hadrián en Malpica, a festa das Cereixas de Paiosaco, a romaría de San Fins de Castro en Cabana de Bergantiños, a Mostra do Encaixe de Camariñas, a Semana Santa de Fisterra, a festa do Percebe do Roncudo e a festa do Naufraxio de Laxe. “Sen dúbida estamos na comarca que conta con máis apoio da Xunta para a celebración das súas festas máis tradicionais”, puntualizou Ovidio Rodeiro.

En relación coas potencialidades turísticas deste destino o delegado territorial destacou que “a suma dos 12 municipios que conforman a fachada atlántica desta área converten a esta comarca nun dos espazos máis naturais e singulares de Galicia. Estamos nun territorio con personalidade propia moi ligada ao mar máis bravo de todo o sur de Europa”.

Ovidio Rodeiro apuntou que “os visitantes non deixan de sorprenderse coa espectacular paisaxe, a riqueza patrimonial e oferta gastronómica dun territorio que ofrece ademais outro final do Camiño de Santiago, a única ruta que non remata en Santiago, e que cada ano capta máis peregrinos que deciden poñer fin a súa aventura xacobea en Fisterra e Muxía”.

Datos turísticosO representante do Goberno autonómico falou do comportamento positivo da demanda turística na provincia da Coruña, entre xaneiro e novembro de 2019, reflexo dunha acción conxunta de promoción de toda a comarca na que a Xunta xogou tamén un papel importante coa posta en marcha de iniciativas como Galicia Sabe, que inclúe unha batería de iniciativas para impulsar a nosa comunidade como destino enogastronómico, por poñer algún exemplo, que axudan a desestacionalizar o turismo en Galicia e a mellorar os datos.

Neste senso, afirmou que “estamos facendo un importante esforzo para poñer en valor os potenciais turísticos que caracterizan aos diferentes xeodestinos ligados á gastronomía, a paisaxe e ao patrimonio natural”.

En cuestión de turismo da provincia da Coruña o número de viaxeiros, entre xaneiro e novembro de 2019, alcanzou os 1.971.958 viaxeiros, un 3,5% máis que o ano pasado e por primeira vez a provincia superou a barreira das 3.5000.000 pernoctacións, alcanzando as 3.796.871 noites o que supuxo un incremento con respecto ao ano pasado do 5,5%. Ademais, Ovidio Rodeiro, apuntou que a estadía media increméntase un 2%.

O delegado territorial apuntou que “todo isto non sería posible sen a colaboración do todos os axentes do sector, asociacións, organizacións, empresas e profesionais que fan que os xeodestinos funcionen como un quebracabezas no que cada peza conta e nos que todos temos que colaborar”.

Ovidio Rodeiro participou nos diferentes actos programados nas diferentes xornadas de Fitur, nas que o stand de Galicia acolleu diversas presentacións. O delegado estivo acompañado polos alcaldes da provincia e as asociacións e entidades aproveitaron o espazo habilitado pola Xunta para dar a coñecer as súas ofertas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre