Inicio Galicia Ovidio Rodeiro destaca que as distintas liñas de axuda da Xunta en...

Ovidio Rodeiro destaca que as distintas liñas de axuda da Xunta en materia turística aos concellos deixarán na comarca de Bergantiños-Costa da Morte máis de 138.000 euros

0

O delegado territorial da Xunta na Coruña informou destas achegas que reciben este ano os concellos para mellorar a calidade da oferta turística e para promover as súas festas


O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, visitou a zona na que se levará a cabo a mellora da accesibilidade e a reparación da pasarela na fervenza do Ézaro, actuación que contará cunha achega da Xunta de máis de 34.000 euros.

O delegado territorial aproveitou a visita para facer balance das axudas que a Consellería de Cultura e Turismo destina aos concellos da comarca de Bergantiños-Costa da Morte nas diferentes liñas de axudas que ascenden a 138.000 euros. En primeiro lugar informou das axudas para o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural. En segundo lugar valorou as achegas para a contratación de persoal nas oficinas de Turismo, e en terceiro lugar analizou as axudas para a promoción das festas de interese turístico de Galicia, coas que se apoia a súa difusión e promoción e se incorpora ademais a cobertura dos gastos para a posta en marcha da campaña de información e sensibilización fronte a violencia sexual en espazos públicos emprendida no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

O representante do goberno autonómico destacou que “as achegas para a mellora da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos van dirixidas a mellorar a calidade dos recursos turísticos dos concellos para facelos máis atractivos aos visitantes”. Neste senso, apuntou que “estas subvencións están orientadas ao fomento e posta en valor da riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística dos municipios”.

Concretamente, na comarca de Bergantiños-Costa da Morte recibirán estas subvencións os concellos de Camariñas, Dumbría e Ponteceso.

Cómpre lembrar que o Goberno galego ampliou os fondos dirixidos a concellos, mancomunidades ou xeodestinos, entre outros, co obxectivo de afondar na colaboración coas administracións locais e mellorar as infraestruturas turísticas a través do seu embelecemento, a mellora da sinalización ou da accesibilidade, principalmente.

Nas convocatorias da Consellería de Cultura e Turismo se inclúen tamén as subvencións para contratación de persoal nas oficinas de turismo que recibirá Corcubión, Fisterra e Laxe.

Tamén se recollen as axudas aos concellos para o apoio, promoción e difusión para as festas declaradas de interese turístico de Galicia que en 2019 beneficiará á Festa das Cereixas de A Laracha, á Romería de San Fins de Castro en Cabana de Bergantiños, á Mostra do Encaixe de Camariñas, á Semana Santa de Fisterra, á Romería de Santo Hadrián de Malpica, á Festa do Naufraxio de Laxe, á Festa do Percebe do Roncudo de Ponteceso e á Faguía de Carnés de Vimianzo.

Esta terceira liña de axudas se centra na promoción das festas de interese turístico de Galicia, coas que se apoia a súa difusión e promoción e se incorpora ademais a cobertura dos gastos para a posta en marcha da campaña de información e sensibilización fronte a violencia sexual en espazos públicos emprendida no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Estas axudas chegarán aos concellos de Laxe, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Vimianzo.

Estas partidas están destinadas aos concellos galegos nos que se celebren algunha das 124 festas de interese turístico de Galicia e contribúen ao apoio, promoción e difusión destas celebracións. Tamén inclúe a posta en marcha, durante a festa, da campaña Agresión Off. Eu digo non á violencia sexual.

As festas poden obter unha axuda de 6.000 euros, xa que as actuacións subvencionables relativas á promoción e difusión poderán acadar un máximo de axuda de 3.000 euros e as relativas á campaña de información e sensibilización fronte a violencia sexual en espazos públicos outros 3.000. En total, a liña de subvencións conta cun investimento global superior aos 600.000 euros coa colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e a Vicepresidencia, Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Ademais, a Consellería de Cultura e Turismo conta cun convenio coa entidade financeira Abanca, polo que cada celebración pode acceder a unha axuda adicional de 1.500 euros. CONCELLO BENEFICIARIO

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre