Inicio Galicia Ovidio Rodeiro destaca o papel do Festival Mar de Mares como un...

Ovidio Rodeiro destaca o papel do Festival Mar de Mares como un evento que converterá A Coruña na capital mundial dos océanos

0

O delegado territorial da Xunta participou no acto de presentación deste evento que se celebrará na cidade entre o 18 de setembro e o 20 de outubro


O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, foi un dos encargados de presentar esta mañá as actividades do Festival Mar de Mares que dende o 18 de setembro e ata o 20 de outubro converterá A Coruña na capital mundial dos océanos. O representante do goberno autonómico destacou que “este encontro permitirá observar o mar dende os seus diferentes ámbitos: o científico; o ecolóxico, o artístico, o gastronómico e o económico”.

O delegado territorial apuntou que “este tipo de eventos axudan moito na tarefa de concienciar a toda a cidadanía da importancia de mellorar o valor engadido dos nosos produtos e recursos mariños e conseguen ligar aos mesmos á sustentabilidade ecolóxica para garantir o equilibrio natural deste fráxil ecosistema”.

Neste senso, destacou que a Xunta de Galicia leva, dende o inicio deste festival no 2016, colaborando de forma activa co mesmo a través do Mercado do Mar que terá lugar o sábado 21 e o domingo 22 de setembro na explanada do Parrote. Ovidio Rodeiro lembrou que a Consellería do Mar apoiará o esforzo da organización tanto a través da súa presenza institucional nos stands como a través de achegas económicas, este ano máis de 14.800 euros. O Mercado do Mar é un dos principais eventos deste festival e xa se converteu nunha das actividades máis salientables, mediáticas e máis multitudinarias. Esta cita ten como obxectivo visibilizar e apoiar a comercialización de produtos e servizos de empresas e entidades que empregan os recursos mariños de xeito sostible.

O delegado territorial puntualizou que os obxectivos da mostra son coincidentes cos do Goberno Galego, que leva traballando dende o 2010 en campañas de promoción e divulgación para impulsar o consumo de froitos do mar e para inculcar hábitos de consumo axeitados. “Con estas accións temos achegado os produtos do noso mar a máis de 100.000 nenos e nenas involucrando ademais a todos os axentes da comunidade educativa”, puntualizou. Ovidio Rodeiro lembrou que “para os consumidores a Xunta de Galicia tamén lanzou a marca PescadeRías para promover e impulsar a industria alimentaria procedente da nosa pesca artesanal e do noso marisqueo”.“Todas estas accións van na mesma liña que a filosofía deste festival que hoxe se presenta –rematou o representante do goberno autonómico- contribuír á sustentabilidade, social, económica e medio ambiental do noso mar”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre