Inicio Galicia Ovidio Rodeiro destaca o esforzo da Xunta en formación na comarca de...

Ovidio Rodeiro destaca o esforzo da Xunta en formación na comarca de Santiago cun investimento de 6,1m? e 2.292 prazas nos distintos cursos para desempregados

0

O representante do Goberno autonómico clausurou os cursos de Carpintería e de Docencia da Formación para o Emprego no centro CIFP de Santiago da Consellería de Economía, Emprego e Industria


O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, clausurou, esta mañá, os cursos de formación de Carpintería e de Docencia da Formación para o Emprego, no Centro Integrado de Formación Profesional de Santiago nos que a Xunta investiu 49.395 euros para formar a 30 desempregados. Este tipo de centros ofertan aos alumnos programas de formación estreitamente vinculados cos principais sectores produtivos que demandan cualificacións profesionais en Galicia, ademais, manteñen unha estreita conexión cos centros de traballo.

Durante a visita Ovidio Rodeiro aproveitou o encontro para poñer en valor o importante esforzo que dende a Xunta de Galicia se está facendo para ofrecer máis oportunidades ás persoas desempregadas para atopar un emprego en Santiago.

O delegado territorial sinalou “a importancia da formación como unha peza clave para integrarse no mercado laboral”. Neste senso, apuntou “que nos últimos anos dende a Xunta de Galicia estamos facendo un importante esforzo por adaptar os cursos para desempregados ás necesidades reais das empresas da súa contorna para que resulte máis fácil poder atopar un traballo cando rematan o período formativo”.

O representante do Goberno autonómico informou que “na comarca de Santiago contamos con catros centros integrados de formación propios en Santiago, Ames, Melide e Negreira, nos que se imparten 31 cursos e se forman a 465 desempregados. Este ano investironse nestes cursos 682.265 euros”.

Obradoiros-AFD-PIEOvidio Rodeiro lembrou que “na comarca de Santiago aprobouse a celebración de 8 obradoiros de formación e emprego dos cales 5 deles son de carácter ordinario, onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade e 3 de garantía xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá en políticas activas de emprego na comarca máis de 2,1 millóns de euros”.

Os obradoiros duais son os de Ordes, compartido con Mesía e Frades; o de Touro, compartido con Boqueixón e Vedra; o de Ames, compartido con Brión; o de Santa Comba, compartido con Negreira, A Baña e Val do Dudra e o de Santiago de Compostela. Pola súa banda, os obradoiros de garantía xuvenil impartiranse en Santiago de Compostela; en Rois compartido con Padrón e Dodro e en Val do Dubra compartido con A Baña, Santa Comba e Negreira.

Estes obradoiros permitirán que un total de 142 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais serán de 9 meses e os de garantía xuvenil de 6 meses.

Ademais, na área de Santiago impartiranse 59 cursos AFD (Accións Formativas para Desempregados) para formar a 885 alumnos cun investimento que supera os 2,4 millóns de euros. Estes cursos celebraranse na súa maioría no concello de Santiago e 5 estarán organizados polos concellos de Ordes e Santa Comba. Os organizadores ofertarán accións formativas nos principais sectores da economía, primando a formación no eido do naval, a automoción, a edificación e obra civil, así como competencias clave e dixitais.

Os alumnos e alumnas interesados en acceder a esta formación poderán contactar coa entidade ou o centro para realizar a súa preinscrición no curso da súa elección. Ademais, poderán acceder a un certificado de profesionalidade que lles abrirá novas oportunidades laborais.

Os alumnos que participen nestes cursos tamén teñen dereito, sempre que cumpran uns requisitos, a becas que inclúen transporte, manutención, aloxamento, conciliación e apoio a alumnos vítimas de violencia de xénero ou con necesidades especiais.

Esta iniciativa, que se enmarca na Axenda 20 para o Emprego, conta co obxectivo de seguir incrementando a ocupabilidade das persoas sen un traballo, facilitándolles o seu acceso ao mercado laboral, ao tempo que se dota a Galicia dun capital humano máis formado de acordo ás necesidades reais das empresas. A convocatoria destes cursos é plurianual (2019-2020), o que posibilitará que se imparta unha formación máis completa e, polo tanto, lógrase unha maior empregabilidade dos alumnos.

Ademais, na comarca de Santiago tamén está aprobado a concesión de 8 Plans Integrados de Empleo, en 6 entidade e 2 en Ames e Brión, con 800 prazas e un investimento de máis de 983.000 euros.

Ovidio Rodeiro finalizou a súa intervención puntualizando que “só con estes tres programas e cos catro centros integrados de emprego a Xunta de Galicia inviste nesta área de Santiago máis de 6,1 millóns de euros, para financiar 106 cursos, para formar a 2.292 desempregados”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre