Inicio Galicia Ovidio Rodeiro clausura o obradoiro de emprego de Ordes que formou 20...

Ovidio Rodeiro clausura o obradoiro de emprego de Ordes que formou 20 alumnos en conservación de montes e repoboacións forestais e en tratamentos silvícolas

0

O delegado territorial destacou que a comarca de Santiago contou con 11 talleres nos que a Xunta investiu 2,6 millóns de euros para formar a 190 persoas


Un total de 20 alumnas e alumnos formáronse en Ordes nos últimos nove meses en Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes e en Repoboacións Forestais e Tratamentos Silvícolas, grazas a un obradoiro de emprego que contou cunha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria de 317.000 euros. Os alumnos comezaron a formación teórica e práctica o pasado mes de outubro e concluíron esta mesma semana.

Ovidio Rodeiro visitou e comprobou o resultado práctico dalgún dos traballos do taller de emprego Brañas do Illó-Río Samo que contou con apoio da Xunta e coa colaboración dos concellos de Ordes, Frades e Mesía.

Os traballos prácticos das alumnas e alumnos consistiron en Ordes na repoboación forestal na área de esparcemento no parque empresarial de Merelle e en labores de mantemento, conservación e reforestación no Parque Félix Rodríguez de la Fuente, Rúa Nova, Praza do Campo da Feira, Colexio Castelao, Campomaior, na área de Adina, no campo da festa de Parada, no entorno da capela de San Pedro de Adrán, no entorno dos Marchás e no antigo campo de fútbol de Barbeiros.

No concello de Frades leváronse a cabo labores de mantemento e conservación na finca O Carballal, no campo de fútbol de Vitre, no punto limpo de Frades-Mesía, na Ponte Carballa,na finca Sanamil, na praza de Ponte Carreira, na área O Muiño de Céltigos, no Pasos de Aiazo, na finca Agasalla, na parcela da piscina municipal de Papucín e na área do local social de Papucín.

Finalmente, en Mesía fixéronse traballos de limpeza e conservación nas prazas de Albixio, Bascoi, Boado, Mesía, Visantoña e Cumbraos; na área recreativa de Olas; no viveiro municipal; na finca de Rivas e en Brañas do Vilar e Brañas de Valga.

Ovidio Rodeiro destacou na súa intervención a importancia de mellorar a cualificación dos galegos e galegas para favorecer o seu acceso ao mercado laboral e dar resposta, á vez, ás necesidades reais dos principais sectores produtivos da Comunidade. Neste senso, destacou que os “cursos de formación e emprego se adaptan ás necesidades das empresas da contorna o que facilita a busca posterior dun emprego”. Nesta liña, apuntou que “as estatísticas demostran que o 60% dos participantes logran atopar un emprego nos primeiros seis meses e incluso antes de rematar a súa formación, o que pon en evidencia a utilidade destes obradoiros”.

ObradoirosOs municipios da área de Santiago contaron en 2018 cun total de 11 obradoiros de emprego, 8 deles de carácter dual, onde participaron alumnos e alumnas de calquera idade e 3 de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu en políticas activas de emprego 2.624.610 euros.

Os talleres ordinarios contan con formación e un acceso a un contrato de traballo durante nove meses e os duais a maiores ofrecen 3 meses máis de traballo nunha empresa da zona na especialidade na que se forman os alumnos.

Os 8 obradoiros duais, cada un con 20 prazas salvo o de Teo, que ten 8, tiveron lugar en Padrón, compartido con Rois e Dodro; en Negreira, compartido con Santa Comba, A Baña e Val do Dubra; no Pino, compartido con Arzúa; en Ordes, compartido con Frades e Mesía; en Melide, compartido con Boimorto; en Teo en Santiago de Compostela, compartido con Ames e en Santa Comba, compartido con Dumbría e Mazaricos.

Pola súa banda, os obradoiros do Sistema de Garantía Xuvenil realizáronse en Santa Comba, compartido con Negreira, A Baña e Val do Dubra de 16 prazas; Rois, compartido con Padrón en Dodro de 10 prazas; e Santiago, compartido con Teo de 16 prazas.

Estes obradoiros permitiron que un total de 190 persoas desempregadas se formasen nun oficio mentres realizaron tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibiron un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais foi de 9 meses e os de Garantía Xuvenil de 6 meses.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre