Inicio Galicia Ovidio Rodeiro anima aos autónomos da Costa da Morte a solicitar as...

Ovidio Rodeiro anima aos autónomos da Costa da Morte a solicitar as novas axudas para emprender, consolidarse, crear emprego e conciliar

0

O delegado territorial destacou que a Xunta conta, para este ano, con 24,5 millóns de euros para impulsar a creación de emprego autónomo e axudar as persoas que traballan por conta propia a consolidar os seus negocios


O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, acompañado polo alcalde de Coristanco, Juan Carlos García, participou nun encontro de traballo con autónomos da comarca para dar a coñecer as distintas liñas de axuda da Consellería de Economía, Emprego e Industrial para este colectivo.

O representante do Goberno autonómico destacou que a Xunta conta, para este ano, con 24,5 millóns de euros para impulsar a creación de emprego autónomo e axudar as persoas que traballan por conta propia a consolidar os seus negocios, crear emprego e conciliar a vida familiar e laboral. En total, con estas medidas espérase beneficiar a máis de 7000 autónomos e traballadores e a arredor de 545 empresas, achegando un apoio integral a este colectivo clave para a economía galega.

Entre as iniciativas que se poñen en marcha por primeira vez destaca o bono de Nova Oportunidade, para o que se dispón dun millón de euros e que facilita que volvan emprender autónomos que estiveron á fronte de iniciativas que non foron adiante. Tamén se activa o Bono Renova, dotado cun millón de euros, que facilita a transmisión xeracional dos negocios. Ademais, a través dun acordo de colaboración coa Fundación Ronsel ao que se destinarán 250.000 euros, desenvolverase un proxecto piloto de mentoring para autónomos.

A axuda do bono Nova Oportunidade está destinada a persoas que estiveron dadas de alta como autónomos, que cesaron na súa actividade e van volver emprender un negocio. Por un lado, concédense 6000 euros como apoio ao emprendemento e, por outro lado, ata 6000 euros para formación e mentoring.

En canto ao Bono Renova, está destinado ao traspaso dos negocios para impulsar a transmisión xeracional. Contémplanse axudas tanto para a persoa que cesa a súa actividade, con apoios por 5000 euros, como para o emprendedor que a retoma, con axudas de ata 29.000 euros que inclúen asesoramento, formación, inicio da actividade e creación de emprego.

A convocatoria á que se destinan máis recursos é a de axudas para impulsar o emprego autónomo e apoiar a consolidación do xa existente, con 13,6 millóns de euros, e coa previsión de beneficiar a 4000 autónomos e 125 empresas.

Apoios á conciliación, a consolidación e as novas oportunidadesAo ámbito da conciliación por maternidade e paternidade destínanse 800.000 euros, con axudas de ata 6.000 euros para a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma durante un período máximo dun ano unha vez rematado o seu período de descanso por nacemento. Os beneficiarios desta axuda poderán obter apoios de ata 3.000 euros para o pagamento do 75% do custos dos servizos de escola infantil. .

A través desta iniciativa impúlsase, por unha banda, o fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación, con axudas de ata 186.000 euros para o inicio da actividade e a xeración de emprego estable, a formación e a conciliación, con apoios para o financiamento da escola infantil dos fillos menores de tres anos. Por outro lado, e co obxectivo de dinamizar a vocación emprendedora da comunidade universitaria, as IEBT contan con axudas de ata 64.500 euros para a creación directa de emprego estable, a contratación de persoal técnico de alta cualificación e a posta en marcha do proxecto empresarial.

Ademais, activarase unha convocatoria dotada con 200.000 euros para respaldar o movemento asociativo das persoas traballadoras autónomas, con axudas de ata 55.000 euros por entidade.

Estas medidas forman parte da Estratexia do Autónomo 2020, a través da cal a Xunta achega un apoio integral a un colectivo do que forman un de cada cinco traballadores galegos. Galicia é a comunidade con maior peso deste colectivo no total de afiliacións, e un referente cando se fala de consolidación do emprego autónomo: o 73,9% dos autónomos leva máis de 3 anos, 6 puntos por enriba da media estatal (67,9%).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre