Inicio Galicia Ovidio Rodeiro analiza coa Asociación de Directores de Centros Públicos de Educación...

Ovidio Rodeiro analiza coa Asociación de Directores de Centros Públicos de Educación Infantil e Primaria o inicio do curso escolar

0

O delegado territorial da Xunta contrastou que nos sete centros que reclamaban máis persoal especializado están cubertas as necesidades


O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, mantivo esta mañá unha reunión de traballo cos representantes da Asociación de Directores de Centros Públicos de Educación Infantil e Primaria da Coruña para analizar o arranque do curso escolar nos colexios da cidade.

O representante do Goberno autonómico contrastou cos representantes dos directores que tras a reunión mantida a semana pasada cos equipos directivos de sete centros educativos que reclamaban máis persoal especializado están cubertas as súas necesidades. Neste senso, informou que tras o inicio de curso sempre xorden casos e novas matriculacións que se van atendendo e cubrindo ao longo do curso. “Partimos dunha previsión inicial co persoal dispoñible pero a medida que avanza o curso se analizan os casos nos que se precisa máis persoal e se vai asignando cando se considera necesario”, recalcou Ovidio Rodeiro.

Ovidio Rodeiro destacou que se reforzará algún colexio con máis horas de Audición e Linguaxe e de Pedagoxía Terapéutica e se destinará algún coidador en todos aqueles casos nos que tanto a dirección do centro como inspección educativa o consideren necesario.

O delegado territorial apuntou, “con respecto ás demandas das nais e pais de máis persoal, que dende a Xunta respectamos todo tipo de reivindicacións pero a Xefatura Territorial de Educación ten que traballar con criterios serios e baseados nos acordos que se pactan entre os equipos directivos e a inspección educativa”. Nesta liña, recalcou que todas as reivindicacións teñen que trasladarse ás direccións dos centros para que poidan abordarse posteriormente coa inspección educativa. “O persoal que se destina a cada centro se decide en funcións das necesidades globais de cada colexio”, puntualizou Ovidio Rodeiro.

O representante do Goberno autonómico tamén lembrou que en todos os centros educativos estamos traballando por encima dos postos que están sobre catálogo e lembrou que “un de cada dez profesionais do ensino son especialistas para a Atención á Diversidade. Pese ao axuste orzamentario destes últimos anos, Galicia incrementou o número de profesionais dedicados á atención á diversidade, posto que no curso 2009/2010 sumaban pouco máis de 2.700 e hoxe contamos con máis de 3.500”.

Ademais, puntualizou que “o sistema educativo galego é o máis inclusivo de toda España. Segundo a última estatística do Ministerio, Galicia é a comunidade autónoma que ten a maior porcentaxe de alumnado con necesidades educativas especiais integrado en centros ordinarios: o 92,4% do alumnado con NEE está integrado, o que favorece a igualdade de oportunidades”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre