Inicio Galicia Os XXXIX Cadernos Ramón Piñeiro póñenlle o ramo ao ano dedicado a...

Os XXXIX Cadernos Ramón Piñeiro póñenlle o ramo ao ano dedicado a Antonio Fraguas

0

O secretario xeral de Política Lingüística presentou este serán o novo volume da colección, titulado ‘Antonio Fraguas: laboris causa. Trigo limpo candeal’


O ano 2019, no que o Día das Letras Galegas lle foi dedicado ao polígrafo de Cerdedo-Cotobade Antonio Fraguas Fraguas, está tocando ao seu fin. O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) quere poñerlle o ramo cunha homenaxe no marco da súa colección Cadernos Ramón Piñeiro, que chega ao seu número XXXIX co volume Antonio Fraguas: laboris causa. Trigo limpo candeal. O traballo, que recolle 36 colaboracións referidas a Fraguas, foi presentado hoxe ao serán no Museo do Pobo Galego polo secretario xeral de Política Lingüística.

Valentín García explicou que o Centro Ramón Piñeiro “quere co número XXXIX dos seus Cadernos poñerlle o ramo ao ano que lle dedicamos a Antonio Fraguas, un home íntegro, intelixente e traballador cuxa grandeza residiu, sobre todo, en que soubo ver o valor da lingua e da cultura do pobo, que puxo no centro dos seus esforzos e intereses”.

Xunto con Valentín García, participaron na presentación Justo Beramendi, presidente da Fundación Antonio Fraguas Fraguas e coeditor da obra; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Luís Cochón, coeditor da obra, e Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade.

Homenaxe colectivaA edición dos Cadernos Ramón Piñeiro XXXIX. Antonio Fraguas: laboris causa. Trigo limpo candeal correu a cargo dos profesores e investigadores Luís Cochón e Justo Beramendi e contou coas colaboracións de Carlos García Martínez, Arcadio López-Casanova, Nélida Piñón, Víctor F. Freixanes, Clodio González Pérez, Ana Acuña, Luís Alonso Girgado, Emilio Araúxo, Xosé Luís Axeitos, Carlos Baliñas Fernández, Xosé Ramón Barreiro Rivas, Guilermo Campos Piñón, Rafael Chacón Calvar, Caetano Díaz, Francisco Díaz-Fierros, Xosé Ramón Fandiño, Mar Fernández-Vázquez, Xosé Fortes, Xosé Fuentes Allende, Xoán Carlos Garrido, David González Couso, Manuel González González, Xosé Manuel González Reboredo, Bieito Iglesias, Emilio Xosé Ínsua, Gonzalo Navaza, Camiño Noia, Daniel Pino, Xabier Ron, Anxo Tarrío, Xosé Carlos Valle, Antón Vidal Andión, Manuel Vilar, María Dolores Villanueva e Xosé Manuel González Reboredo.

O volume constitúe unha homenaxe colectiva ao autor a quen se lle dedicaron este ano as Letras Galegas e reúne tres ducias de artigos, semblanzas e lembranzas arredor da vida e da obra de Antonio Fraguas Fraguas.

Antonio FraguasAntonio Fraguas (Loureiro, Cerdedo-Cotobade, 1905–Santiago de Compostela, 1999), foi membro do Seminario de Estudos Galegos e das Irmandades da Fala, así como director do Museo do Pobo Galego e cronista oficial de Galicia. Estudoso da nosa realidade cultural desde diferentes ámbitos, destacou sobre todo nos eidos da etnografía e da antropoloxía, onde os seus traballos contribuíron decisivamente ao coñecemento da cultura popular e ao afondamento na nosa identidade  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre