Inicio Galicia Os viños galegos amparados con selos de calidade incrementan o valor das...

Os viños galegos amparados con selos de calidade incrementan o valor das súas vendas no mercado español no último ano na canle da alimentación

0

O informe amosa que o viño con denominación de orixe sitúa a Galicia no terceiro posto por comunidades autónomas en termos de valor e constata o bo posicionamento dos viños galegos con DO no mercado nacional


Os viños galegos amparados con selos de calidade incrementan o valor das súas vendas no mercado español, na canle da alimentación. Esta proxección do sector vitivinícola galego foi destacada hoxe polo conselleiro do Medio Rural, José González, na presentación dun informe da Fundación Juana de Vega sobre a comercialización dos viños galegos, neste caso referido ao mercado español.

O titular de Medio Rural, que estivo acompañado neste acto polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, e polo director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, explicou que o informe desta Fundación constata que no último ano medrou arredor do 6% o valor das vendas do viño galego no mercado español, na canle da alimentación, o que implica unha revalorización do produto que chega aos fogares. Ademais, o viño con denominación de orixe sitúa a Galicia no terceiro posto por comunidades autónomas -só superada pola Rioxa e Castela e León- en termos de valor, con respecto á cota de mercado nacional.

Ademais, na canle de alimentación, especificamente, os viños galegos melloran a súa cota de mercado nacional ata un 5,4% en volume e ata o 6,6% en valor, grazas á súa mellora en participación nos hipermercados e supermercados. Na canle de hostalería tamén teñen un bo posicionamento, situándose no 8,5% en volume e no 10% en valor. A maiores, o produto galego gaña presenza en territorios importantes, como Madrid, Barcelona e a área Mediterránea.

Por isto, o conselleiro trasladou que é moi relevante o desenvolvemento da imaxe dos viños galegos, así como a expansión do seu coñecemento e notoriedade como base para asegurar o desenvolvemento e a sostibilidade futura dos viños de calidade galegos. Ao fío disto, lembrou que Galicia exporta xa os seus viños a máis de 80 países de todo o mundo e unha de cada cinco botellas producidas na nosa comunidade véndese no mercado exterior.

Precisamente para consolidar esta proxección internacional, José González adiantou que a Xunta convocará no Diario Oficial de Galicia a vindeira semana as subvencións por valor de 2,1 millóns de euros para apoiar nos próximos dous anos a promoción do produto en mercados de terceiros países, fóra da Unión Europea.

José González explicou ademais que poden acollerse a estas subvencións as empresas vinícolas, as organizacións de produtores, os órganos de xestión e de representación das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas de viño e as entidades de exportación participadas exclusivamente por empresas deste sector. Tamén se poderán beneficiar destas achegas as entidades asociativas sen ánimo de lucro participadas exclusivamente por empresas do sector vitivinícola, que teñan entre os seus fins a promoción exterior dos viños e as cooperativas que comercializan viños elaborados por elas ou polos seus asociados.

Ao abeiro destas axudas, as accións e actividades de promoción que se poden desenvolver son todas aquelas nas que se dean a coñecer as características dos viños con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, así como os viños varietais. Entre as accións promocionais destacan campañas publicitarias, misións comerciais, promocións en puntos de venda, catas, feiras, presentacións de produto, xornadas, seminarios, degustacións, etc.

Os mellores embaixadoresO conselleiro defendeu que este eido produtivo clave para o rural galego ten que “seguir abrindo fronteiras” porque, engadiu, “non temos mellores embaixadores do que é Galicia” que os nosos viños.

Nesta liña, José González salientou a calidade como sinal distintivo dos viños galegos e dixo que precisamente para apuntalar este sector a Xunta e a Fundación Juana de Vega traballan desenvolvendo unha estratexia específica. Trátase, sinalou, dunha “estratexia transversal que xunta territorio, economía e turismo”.

O obxectivo desta iniciativa é mellorar o posicionamento dos viños galegos no seu conxunto, reforzar a súa imaxe de marca e identidade vinculada aos diversos territorios nos que se producen e mellorar a eficacia da promoción e comercialización en conxunto de produtos turísticos vinculados a esta actividade. Un sector que o conselleiro definiu como “o principal elemento dinamizador dos territorios que compoñen as nosas denominacións de orixe e as nosas indicacións xeográficas protexidas”. Nesta mesma liña, o conselleiro animou ao sector a seguir medrando a partir do seu xa importante peso específico en Galicia que -lembrou- se materializa en case 14.000 viticultores, máis de 450 adegas, 9.000 hectáreas de superficie de viñedos e arredor de 60 millóns de quilos de uva producidos. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre