Inicio Galicia Os veciños de Ribeira xa poden percorrer o sendeiro peonil de Espiñeirido...

Os veciños de Ribeira xa poden percorrer o sendeiro peonil de Espiñeirido na parroquia de Olveira

0

A directora xeral de Patrimonio Natural supervisou o remate das obras executadas pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, nas que investiu case 20.000 euros

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de rematar as obras de construción e acondicionamento do sendeiro peonil de Espiñeirido, na parroquia de Olveira, no Concello de Ribeira.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, supervisou esta mañá os traballos executados e destacou que os veciños de Ribeira teñen ao seu alcance unha nova ruta para percorrer e coñecer a riqueza ambiental deste punto do concello.

A directora xeral recordou que o Goberno galego destinou case 20.000 euros na execución das obras, que consistiron na posta en valor da contorna natural mediante o acondicionamento dunha franxa cunha lonxitude lineal de medio quilómetro, a plantación de exemplares de arboredo de sombra e colocación do mobiliario, como xardineiras, bancos de pedra, unha pasarela e unha varanda de madeira.

A directora xeral destacou que a creación de rutas naturais, xunto co seu acondicionamento e sinalización, contribúe ao desenvolvemento e dinamización do medio natural, proporcionando ao público en xeral información dos valores naturais dos lugares polos que discorren estas rutas.

Leer más:  El Gobierno asegura que el tren de bajo coste de Renfe llegará a Galicia este año

Ana María Díaz salientou que a práctica de actividades en contacto directo coa natureza ten no sendeirismo un dos seus maiores expoñentes e engadiu que -se ben as rutas de sendeirismo discorren na maioría dos casos por lugares de alto valor natural- a recuperación e o acondicionamento deste patrimonio natural contribúe á mellorar a percepción de utilidade pública deste tipo de espazos, e ademais son unha ferramenta para crear oferta no sector rural e a potenciación dun modelo de desenvolvemento sostible.

As obras do sendeiro peonil de Espiñeirido foron cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no programa operativo FEDER Galicia-2014-2020.


- Te recomendamos -