Inicio Galicia Os veciños da parcelaria de Godos, no concello pontevedrés de Caldas de...

Os veciños da parcelaria de Godos, no concello pontevedrés de Caldas de Reis, poderán tomar posesión dos seus predios de substitución o vindeiro 15 de novembro

0

O director xeral de Desenvolvemento Rural vén de asinar este trámite, que permitirá aos titulares das parcelas entrar nos predios concentrados

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, vén de autorizar a toma de posesión provisional dos novos predios da reestruturación parcelaria de Godos, no concello pontevedrés de Caldas de Reis. Desta forma, a Consellería do Medio Rural dá un paso máis no desenvolvemento deste proceso, cun trámite que permitirá aos veciños acceder aos predios de reemprazo o vindeiro 15 de novembro.

Esta reorganización do territorio beneficia a 599 propietarios, que contaban ao inicio do proceso con 3.548 parcelas, nunha superficie total de 388 hectáreas. A día de hoxe hai 1.159 predios de reemprazo, cun redimensionamento que lles permitirá aos titulares facer os seus terreos máis operativos e competitivos.

A Consellería do Medio Rural leva investidos un total de 2,8 millóns de euros neste proceso, contemplando tanto os traballos nas redes de camiños principais e secundarios (de case 30 quilómetros de extensión) como o acondicionamento de predios, xunto coas asistencias técnicas necesarias para levar adiante a reorganización. Os principais aproveitamentos desta parcelaria de Godos son o eucalipto e o piñeiro, na zona forestal, e a horta, o millo e o viñedo (da Denominación de Orixe Rías Baixas) na zona de labradío.

Plan de reactivaciónAo longo deste ano, a Xunta entregará máis de 20.200 títulos de propiedade a máis de 9.200 veciños beneficiados de 20 procesos de reorganización do territorio. Desta forma, a Consellería do Medio Rural dá cumprimento ao seu Plan de reactivación e dinamización para facer fronte á crise provocada pola covid-19, no que se contempla o impulso das reestruturacións parcelarias como elemento para dotar de base territorial ás explotacións.

Así, a Xunta leva tempo traballando nas distintas concentracións parcelarias co fin de mellorar a estrutura da propiedade na nosa comunidade. Ademais, grazas a estes procesos, tamén se reduce e reverte o abandono das terras produtivas ao mellorar as condicións de desenvolvemento sostible das actividades agrícolas, gandeiras e forestais das zonas reorganizadas. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre