Inicio Galicia Os plans reitores dos parques da Serra da Enciña da Lastra e...

Os plans reitores dos parques da Serra da Enciña da Lastra e do Invernadeiro sométense á consulta do Consello Galego de Medio Ambiente como paso previo á súa entrada en vigor

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presidiu hoxe a reunión deste órgano consultivo a nivel autonómico, que tamén coñeceu un informe sobre a futura Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presidiu esta mañá o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (COGAMADS), unha reunión que tivo como puntos principais da orde do día analizar o contido dos plans reitores de uso e xestión (PRUX) da Serra da Enciña da Lastra e O Invernadeiro, os dous primeiros parques naturais de Galicia que contarán cun instrumento específico de protección aprobado.

Así o avanzou a titular de Medio Ambiente esta mañá, quen puxo en valor o traballo desenvolvido polo seu departamento nos últimos meses co fin de dotar o antes posible aos espazos naturais protexidos da Comunidade de plans reitores capaces de combinar a necesidade de preservar os seus valores medioambientais, co desfrute e coñecemento por parte de veciños e turistas.

Logo da recente aprobación do PRUX do Parque Nacional das Illas Atlánticas, que entrou en vigor o pasado 19 de febreiro, Ángeles Vázquez explicou que lle toca agora a quenda aos seis parques naturais que hai en Galicia. Concretamente, serán os de Serra da Enciña da Lastra, localizado no concello ourensán de Rubiá, e O Invernadeiro, en Vilariño de Conso, os primeiros parques en dotarse deste novo instrumento, que en setembro de 2018 foron sometidos a exposición pública co fin de enriquecelos coas achegas de asociacións, entidades e particulares en xeral.

Así, no caso do plan da Serra da Enciña da Lastra a conselleira subliñou que durante o proceso de participación se recibiron 115 alegacións ao documento, que terá unha vixencia de seis anos, establece unha zonificación en catro áreas (de reserva, de uso limitado, de uso compatible e xeral) e como novidade e por primeira vez, inclúe un plan de emerxencias para optimizar todos os recursos técnicos e humanos dispoñibles neste espazo.

En canto ao PRUX do Invernadeiro, Vázquez Mejuto lembrou que neste caso o número de alegacións tramitadas na fase de exposición pública ascendeu a 69 e que, ao igual que no da Serra da Enciña da Lastra, o documento inclúe un plan de emerxencias e introduce unha modificación das denominacións da zonificación do parque con vixencia para os próximos seis anos.Órgano de carácter consultivoA necesidade de garantir a participación pública e tamén institucional en materia medioambiental foi un dos valores que subliñou Ángeles Vázquez ao referirse ao traballo do COGAMADS, que actúa como órgano de carácter consultivo en materia medioambiental e no que están representados distintos departamentos da Xunta con competencias neste eido e tamén membros da sociedade civil procedentes dos sectores económico, social, académico e profesional.

Por iso, a conselleira resaltou a importancia de que instrumentos tan importantes como os PRUX dos parques naturais se sometan previamente ao criterio e valoración deste organismo, un dos últimos pasos antes da súa aprobación definitiva por parte do Consello da Xunta. Neste sentido, explicou que a previsión temporal que se baralla no caso destes dous plans é que no mes de marzo poidan ser aprobados para, a continuación, publicarse no DOG para a súa entrada en vigor.

Polo que respecta ao estado de tramitación dos plans reitores dos outros catro parques, Ángeles Vázquez indicou que xa se someteron a información pública os do Complexo Dunar de Corrubedo-Lagoas de Carregal e Vixán e o do Monte Aloia.

Así mesmo, os parques naturais de Fragas do Eume e Serra do Xurés, os de maior extensión de Galicia e cunha complexidade maior debido á gran concentración de propietarios particulares, tamén teñen en tramitación os seus respectivos PRUX e estase a manter xa unha rolda de contactos con institucións e entidades interesadas co fin de darlle un pulo definitivo a estes plans ao longo deste ano.

Por último, durante a reunión do COGAMADS tamén se avaliou un informe sobre a futura Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050, cuxo documento inicial se presentou ante o Consello da Xunta o pasado mes de xaneiro. Neste sentido, Ángeles Vázquez incidiu na importancia desta ferramenta, chamada a dar respostas e fixar a folla de ruta a seguir en Galicia para facer fronte ao problema global do cambio climático e dar un paso definitivo cara a implantación da chamada economía circular, que avoga por converter os residuos en novos produtos co fin de que teñan unha segunda vida.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre