Inicio Galicia Os peregrinos do Camiño Inglés contan cun novo albergue en Ordes que...

Os peregrinos do Camiño Inglés contan cun novo albergue en Ordes que vén sumarse aos 70 establecementos da rede autonómica e que contribúe a preparar Galicia para o Xacobeo 2021

0

O titular da Xunta destaca que, ademais de dinamizar o Camiño Inglés, a transformación da casa reitoral de Poulo, un edificio con historia e cun elevado valor patrimonial amosa a aposta da Xunta pola rehabilitación

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe o novo albergue de Ordes, unha infraestrutura que, con máis de 40 prazas e un investimento de máis de medio millón de euros, vén sumarse aos 70 establecementos da rede autonómica, contribuíndo deste xeito a preparar Galicia para o Xacobeo 2021.

Durante unha visita as instalacións, Feijóo afirmou que, ademais de dinamizar o Camiño Inglés, a transformación da casa reitoral de Poulo, un edificio con historia e cun elevado valor patrimonial amosa a aposta da Xunta pola rehabilitación ante a nova construción sempre que sexa posible.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo galego lembrou que o número de albergues autonómicos atópase en continuo crecemento de cara ao próximo Ano Santo. Así, inauguráronse novos establecementos en distintos itinerarios como os de Ourense, A Fonsagrada ou Friol; estase a traballar na posta en marcha dun novo albergue no barrio do Berbés en Vigo, así como na planificación doutro na Vía da Prata; e estase a mellorar o equipamento doutros xa existentes, como os dos albergues de Lalín e Pontevedra.

Feijóo aproveitou o acto para recordar tamén que o Camiño de Santiago pasa polo seu mellor momento, cunha cifra de peregrinos que crece case un 13% con respecto ao pasado ano, cando se alcanzou o récord con preto de 330.000. “O Camiño xa é ademais un fenómeno internacional, cun 66% dos peregrinos procedentes de case 180 nacionalidades e case a metade dos peregrinos chegan por rutas alternativas ao Camiño Francés, destacando o Portugués”, engadiu, resaltando tamén a aposta pola conservación do patrimonio cultural.

Logo de recordar ademais a posta en marcha dun investimento de 15 millóns de euros para o mantemento de todas as rutas xacobeas que pasan por 138 concellos galegos, o titular da Xunta incidiu en que o obxectivo é impulsar un Camiño de Santiago que non só achegue dinamismo á capital galega senón a toda a Comunidade. “Do mesmo xeito que se di que todos os camiños conducen a Roma, ata o próximo Xacobeo 2021 estou seguro de que todos os camiños conducirán a Compostela, que ao mesmo tempo será a cidade de saída para coñecer todos os recunchos de Galicia: a Ribeira Sacra, as Illas Cíes, o Ferrol da Ilustración e a todas as cidades, vilas, pobos, praias e montes de Galicia”, dixo.

Feijóo concluíu aseverando que Galicia vai no bo camiño para conseguir esta meta, cun balance no primeiro cuadrimestre do ano que así o demostra. Non en van, o turismo na Comunidade crece en cantidade pero, sobre todo, en calidade, con 31.000 viaxeiros máis que o pasado ano.

Así mesmo, Galicia é a segunda comunidade onde máis crece o turismo: un 5% fronte ao 1% da media española, e fóra da temporada estival. A estancia media aumentou preto dun 2%, e os establecementos hoteleiros ingresaron case 62 millóns de euros, un 8% máis que no mesmo período de 2018.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre