Inicio Galicia Os novos minicampamentos de verán teñen xa o 90% das súas prazas...

Os novos minicampamentos de verán teñen xa o 90% das súas prazas cubertas

0

Esta iniciativa, unha das principais novidades da Campaña de Verán que se realiza en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo, ten como escenario diferentes aloxamentos turísticos da comunidade


A conselleira de Política Social en funcións, Fabiola García, visitou esta tarde ás mozas e mozos participantes no Palmeira Urban Camp, un dos 14 minicampamentos que se están a desenvolver en aloxamentos turísticos de Galicia. Este programa, unha das principais novidades da Campaña de Verán deste ano e que se realiza en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo, xa ten cubertas o 90% das prazas que se ofertan.

Esta iniciativa supón unha oportunidade para que os participantes coñezan distintos enclaves da comunidade e aprendan novas disciplinas, ao tempo que se facilita a conciliación das familias. Outro dos obxectivos de ‘Coñece Galicia’ é apoiar aos establecementos turísticos.

Un grupo de 14 nenas e nenos de entre 10 e 14 anos danse cita na segunda quenda deste programa nas instalacións do Hotel Norat Palmeira, a primeira tivo lugar do 13 ao 17 de xullo e contou tamén con 14 participantes, o total das prazas ofertadas. Este minicampamento céntrase na arte urbana e nas actividades acuáticas.

Como no resto de campamentos de Galicia, estanse a seguir as medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias, como a limitación de prazas para facilitar o distanciamento social ou o coidado da hixiene. Trátase de garantir a máxima seguridade para as rapaces e rapazas.‘Coñece Galicia’ propón unha variada oferta de actividades de cultura urbana e ocio activo, de multiaventura e coñecemento do patrimonio natural e cultural, de turismo de natureza e educación ambiental, de coñecemento de paraxes naturais e mariñas ou de desfrute do medio rural, entre outras alternativas. Os lugares onde se celebran os minicampamentos son Ribeira; Foz; Monforte; a contorna dos Ancares; Pobra de Trives; O Carballiño; Covelo; Lalín; O Grove; Silleda e as comarcas do Salnés, do Deza e do Morrazo.

A Campaña de Verán deste ano da Xunta, que leva por título O verán que necesitas, pon á disposición da mocidade 6872 prazas en diferentes actividades e campamentos, que se prolongarán ata comezos do mes de setembro.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre