Inicio Galicia Os mozos galegos contarán cun novo Plan estratéxico de xuventude, con 125...

Os mozos galegos contarán cun novo Plan estratéxico de xuventude, con 125 medidas para os ámbitos do emprego, o rural, a creatividade, a formación, a participación e o Xacobeo 2021

0

Feijóo informa dunha nova liña de axudas para a obtención do carné de conducir de turismo e de camión, un dos principais requisitos para acceder a un posto de traballo

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que os mozos galegos contarán cun novo Plan estratéxico de xuventude, con 125 medidas para os ámbitos do emprego, o rural, a creatividade, a formación, a participación e o Xacobeo 2021.

Logo de precisar que na súa elaboración se tiveron en conta as prioridades da mocidade, a través de encontros provinciais e de cuestionarios de valoración das políticas da Administración autonómica, que supuxeron contar coa opinión de máis dun milleiro de mozos, Feijóo subliñou que, entre as novas iniciativas que contempla o plan destaca a convocatoria, nas vindeiras semanas, dunha nova liña de axudas para a obtención do carné de conducir de tipo B (de turismo) e C (de camión), un dos principais requisitos para acceder a un posto de traballo. Estas axudas poderán beneficiar a 1.500 mozas que, neste momento, non estean nin estudando nin traballando.

Neste mesmo eido do emprego, crearase a nova Oficina virtual de Emancipación Xuvenil, que ofrecerá información e asesoramento; e porase en marcha a iniciativa Talento Mozo, que contará, entre outras medidas cunha serie de obradoiros e charlas, así como cos Premios Talento Mozo.

Por outra banda, e no ámbito da acción voluntaria, o plan consolidará Galicia como a comunidade autónoma de referencia na organización de campos de voluntariado (campamentos para mozos de entre 18 e 30 anos), ampliando a oferta durante os meses de verán e poñendo tamén en marcha campos fóra da época estival.

Ademais, o documento apostará polo papel protagonista da xuventude no Xacobeo 2021. Con este fin, lanzarase un proxecto de voluntariado xuvenil de cara a este acontecemento, que atraerá a mozos de toda Europa.

Por último, Feijóo subliñou que o plan incluirá varias iniciativas de participación e información xuvenil. Con ese obxectivo: estase xa a poñer en marcha unha canle de WhatsApp para facilitar información xuvenil e para solucionar dúbidas, á que xa se sumaron preto de 900 persoas; lanzarase un foro de participación periódico para favorecer o achegamento entre os representantes públicos e a mocidade, e desenvolverase un programa de ocio e educación non formal descentralizado por toda a xeografía galega, no que a mocidade destes lugares terá moito que dicir.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre