Inicio Galicia Os Lagos de Lousada, en Xermade, convértense no segundo Espazo Privado de...

Os Lagos de Lousada, en Xermade, convértense no segundo Espazo Privado de Interese Natural declarado na comunidade

0

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que esta área natural obtén a declaración definitiva como EPIN e tamén o decreto polo que se aproba o seu plan de conservación, que marcará as actuacións a realizar nos próximos cinco anos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se declara de forma definitiva Espazo Privado de Interese Natural (EPIN) os Lagos de Lousada, unha área natural cunha extensión de algo máis de 40 hectáreas e localizada no concello lucense de Xermade. Trátase do segundo EPIN declarado pola Xunta en Galicia, despois de que no ano 2011 o espazo coñecido como Sobreiras do Faro, no Concello de Oia, recibira tamén este mesmo grao de protección.

Os espazos privados de interese natural son unha figura prevista na Lei de Conservación da Natureza e pensada para áreas de titularidade privada nas que existen formacións naturais, especies ou hábitats de flora e fauna silvestres con valores que interesa protexer. A declaración tamén lle dá preferencia aos seus propietarios á hora de acceder e obter axudas públicas destinadas á preservación e xestión desta zona.

Cómpre lembrar que a comezos de abril o Consello da Xunta deulle o visto e prace ao decreto polo que se aprobaba o plan de conservación do EPIN Os lagos de Lousada, un documento preceptivo e imprescindible para poder obter a declaración definitiva e que senta as bases técnicas para garantir a conservación dos principais valores naturais presentes nesta zona e polos que se lle outorga, precisamente, esta distinción.

De feito, xunto á orde coa declaración definitiva como EPIN dos lagos de Lousada, o DOG tamén publica hoxe o decreto polo que se aproba o seu correspondente Plan de Conservación, cunha vixencia inicial de cinco anos. Dentro deste plan figuran unha serie de medidas orientadas á garantir a protección das especies e hábitats presentes no espazo natural mediante unha serie de directrices de xestión adecuadas, harmonizando este obxectivo co exercicio dos dereitos privados, o goce e as visitas á zona, o estudo e contemplación dos seus valores, e o aproveitamento ordenado das súas producións e demais actividades que se executen dentro do mesmo.

Entre as principais accións previstas con este fin cómpre subliñar a eliminación de especies exóticas invasoras, coa realización de tratamentos silvícolas en toda a superficie do EPIN para retirar paulatinamente o Eucalyptus nitens; a prevención do risco de incendios, coa execución durante os tres primeiros anos de faixas de control da biomasa que eviten a propagación de lumes; a mellora dos hábitats naturais e a restauración de áreas degradadas, a través de actuacións como a plantación de castiñeiros, a limpeza manual da zona de uso público respectando a posible rexeneración de soutos, etc; e a mellora e ordenación do uso público, preservando as zonas de maior valor ecolóxico coa creación de rutas de sendeirismo, espazos recreativos ou a elaboración de material divulgativo.

Todas estas actuacións terán un custo global de 13.000 euros, que serán achegados polos propietarios dos terreos nos que se asenta o EPIN, como promotores no seu día da solicitude que deu pé a esta declaración e responsables directos da xestión deste espazo, para o que deberán cinguirse ás liñas de actuación marcadas no plan de conservación aprobado co fin de establecer as normas de uso e aproveitamento do solo e dos recursos naturais, así como ás regras relativas ao uso público e ás actividades científicas e educativas permitidas. A Consellería de Medio Ambiente, pola súa parte, será a encargada de tutelar a conservación do EPIN.

O plan apróbase cunha programación inicial para cinco anos, polo que deberá revisarse cumprido ese prazo ou mesmo antes, no caso de que se produza algún cambio significativo nas circunstancias ou criterios que determinaron a súa aprobación.

Dous lagos e unha lagoa permanentesÁ hora da declaración como EPIN dos lagos de Lousada tívose en conta que a parcela na que se localizan posúe uns valores singulares respecto á hidroloxía, derivados da presenza de antigas explotacións mineiras que deron lugar á creación de dous lagos e unha lagoa permanentes.

Os lagos teñen unha superficie de arredor de 15.000 m2 e a lagoa, de aproximadamente 1.500 m2, e poden considerarse un dos principais valores de interese do espazo, dándolle nome ao mesmo. Constitúen importantes puntos de auga para a fauna da contorna, con notables poboacións de insectos e anfibios, e forman parte do Inventario Galego de Humidais.

O EPIN Os lagos de Lousada, que en total abrangue unha superficie de 41,7 hectáreas, tamén garda relación coa Reserva da Biosfera Terras do Miño, ao estar integrado dentro do seu ámbito territorial.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre