Inicio Galicia Os helicópteros medicalizados do 061 de Galicia estarán operativos de orto a...

Os helicópteros medicalizados do 061 de Galicia estarán operativos de orto a ocaso e incrementarán o número de horas de voo a partir de hoxe

0

Entre as melloras do novo contrato do servizo de transporte sanitario urxente aéreo, para os próximos catro anos, destaca o aumento das condicións de seguridade

A entrada en vigor da adxudicación do contrato para prestación do servizo de transporte sanitario urxente aéreo da Fundación Urxencias Sanitarias de Galicia-061 permitirá, a partir de hoxe, que os dous helicópteros medicalizados, con base en Santiago e Ourense, estean operativos de orto a ocaso e que se incremente o número de horas de voo das aeronaves. Segundo as condicións da contratación, auméntase o tempo de operatividade ás urxencias e ás emerxencias nos meses estivais, nos que o número de horas de sol é maior, e engádense 210 horas ás 640 horas de servizo anual establecidas no anterior contrato para ambas as dúas aeronaves.

Entre as melloras que establece o novo contrato do servizo de transporte sanitario urxente aéreo, para os próximos catro anos, destaca o aumento das condicións de seguridade, do persoal sanitario e dos pacientes, ao esixir que os pilotos das aeronaves posúan un maior número de horas de voo.

Renóvanse, tamén, todos os equipos de electromedicina das aeronaves, o que supón a incorporación de respiradores, bombas de infusión e o resto de material sanitario necesario para garantir a asistencia axeitada de pacientes en estado crítico.

Sistema de climatización especializadoAdemais, os helicópteros medicalizados de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 contarán a partir de agora cun sistema de climatización especializado para garantir unha temperatura de confort e seguridade durante os traslados aos centros hospitalarios. As novas aeronaves contarán tamén con cristais escurecidos, de xeito que axuden a facilitar a comodidade e a intimidade dos pacientes e do persoal sanitario, e con incubadoras específicas para helicópteros para permitir o traslado de pacientes neonatos.

Por outra banda, inclúense métodos de alerta activos para as persoas que se atopen nos puntos de toma de terra dos helicópteros, que posibilitarán unha maior axilidade nas manobras de aterraxe.

Actividade 2018Entre os meses de xaneiro e decembro de 2018, os dous helicópteros con base en Santiago e Ourense que dan cobertura ás urxencias e emerxencias extrahospitalarias en toda a Comunidade galega mobilizáronse en 974 ocasións, das cales, 896 foron asistencias a emerxencias sanitarias e as 78 restantes foron traslados interhospitalarios de pacientes.

En total, 748 persoas foron asistidas polo persoal sanitario das aeronaves medicalizadas do 061 de Galicia. Delas, 457 foron trasladadas a un centro hospitalario, 120 pacientes foron asistidos, e non necesitaron traslado, e 169 persoas foron atendidas polo equipo sanitario dos helicópteros e trasladados por outros recursos.

Respecto aos 78 pacientes que foron trasladados dun hospital a outro, en 21 casos tratábase de persoas cunha patoloxía cardíaca ás que se lles realizou unha anxioplastia e as 57 persoas restantes foron trasladadas debido a outras patoloxías.

En relación coas patoloxías máis habituais dos pacientes asistidos, o 19 % tiñan dor torácica, o 18 % sufriron alteración da consciencia, o 17 % eran feridos en accidentes de tráfico, o 5 % tiveron problemas respiratorios e o 1 % sufriron convulsións.

Se atendemos ás patoloxías tempo dependentes, 66 pacientes foron asistidos segundo os protocolos de Programa galego de atención ao infarto agudo de miocardio (Progaliam) e 16 pacientes foron trasladados segundo o Plan de asistencia ao ictus en Galicia.

Por último, no ano 2018, o persoal sanitario dos helicópteros medicalizados do 061 de Galicia asistiu varios incidentes de múltiples vítimas, entre eles, un incendio nunha empresa madeireira en Padrón, a explosión dunha pirotecnia en Tui e o incendio dun catamarán no Grove.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre