Inicio Galicia Os gardacostas requisan 1.600 útiles e máis de media tonelada de marisco...

Os gardacostas requisan 1.600 útiles e máis de media tonelada de marisco e peixe en distintos controis realizados no litoral galego

0

A ría de Arousa foi a zona na que se rexistraron máis comisos e incautacións


Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron preto de 1.600 aparellos de pesca, case todo nasas, 3.800 metros de artes de enmalle, unha embarcación e preto de 580 quilos de marisco e peixe en distintos controis realizados nos últimos días polo litoral galego.

Na ría de Arousa, os axentes de Gardacostas incautaron un total de 706 nasas, unha embarcación e 200 metros de aparellos de enmalle e comisaron 173 quilos de especies. O operativo máis destacado resultou co comiso de 469 nasas, 68 quilos de polbo, 20 de congro e dous de nécora.

A ría de Vigo tamén foi escenario de diversos controis contra o furtivismo. Así, nesta ría comisáronse máis de 56 quilos de especies e incautáronse 50 nasas e 3.400 metros de útiles de enmalle. A actuación máis importante desenvolveuse en Toralla e nela comisáronse máis de seis quilos de polbo, máis de tres de martiños e dous de nécora e incautáronse 200 metros de aparellos de enmalle e as 50 nasas.

Na ría de Pontevedra, os inspectores da Xunta tamén realizaron varios controis contra a actividade ilegal. Neles aprehendéronse de 104 quilos de diversas especies e de 298 nasas. A operación máis destacada resultou coa aprehesión de 96 nasas sen identificar e os case 29 quilos de polbo e máis de dous de nécora que contiñan.

Nos controis realizados na ría de Muros e Noia, os axentes requisaron 146 nasas, 150 metros de aparellos de enmalle e máis 33 quilos de especies. O control máis relevante foi na zona de Cabeiro, onde se requisaron 87 nasas, cinco cacharros para polbo, 14 quilos deste cefalópodo e máis dun quilo de nécora.

Na ría de Ares, os gardacostas fixéronse con máis de 316 nasas sen identificación e máis de 104 quilos de diversas especies. A operación máis importante foi nos arredores das Illas da Miranda e alí os axentes requisaron 186 nasas, máis de 80 quilos de polbo e case catro de nécora.

Ademais, na ría de Camariñas, os gardacostas requisaron 80 nasas por estar sen identificar, 50 metros de aparellos de enmalle, 16 quilos de polbo, cinco de nécora e dous de camarón e na de Corcubión 45 quilos de longueirón. Os axentes tamén realizaron un control na lonxa da Coruña, onde comisaron 12 quilos de congro e 17 de ollomol; en Ferrol, onde requisaron tres palangrillos e en Carnota onde se fixeron con máis de dous quilos de polbo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre