Inicio Galicia Os Gardacostas e a Garda Civil de tráfico requisan 1.600 quilos de...

Os Gardacostas e a Garda Civil de tráfico requisan 1.600 quilos de sardiña e unha furgoneta nun control por estrada na peaxe da AP-9 de Vilaboa

0

Noutro control por terra na Serra de Outes os gardacostas comisaron 628 quilos de xurelo

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, en colaboración coa Garda Civil de Tráfico de Pontevedra, requisaron onte 1600 quilos de sardiña e unha furgoneta no marco dun control por estrada realizado onte na peaxe da AP 9 de Vilaboa.

Os axentes incautaron o produto debido a que carecía da documentación esixida para acreditar a súa procedencia e unha vez constatado que era apto para o consumo foi entregado ao centro benéfico Fundación Provincial Banco de Alimentos de Pontevedra.

Por este mesmo motivo e noutro control realizado onte por terra no concello coruñés da Serra de Outes, os gardacostas tamén comisaron 628 quilos de xurelo que transportaba un vehículo que inspeccionaron. Tras comprobar que o produto era apto para o consumo, foi vendido na lonxa de Portosín.

Estes operativos enmárcanse no conxunto dos controis que efectúa o Servizo de Gardacostas no eido da comercialización e transporte nas estradas de Galicia, que se suma aos controis da baixamar nas praias para evitar a extracción e comercialización ilegal de produtos pesqueiros.

Leer más:  El gobierno de Lugo defiende que los recursos del incendio en O Ceao fueron "suficientes", aunque "todo es mejorable"

Outras actuaciónsA maiores destes controis por terra, nos últimos nove días os gardacostas requisaron preto de 945 quilos de peixe e marisco e 700 útiles de pesca, case todo nasas, noutras inspeccións realizadas no litoral galego.

Na ría de Arousa os axentes de Gardacostas incautaron un total de 457 útiles, case todo nasas, e comisaron preto de 417 quilos de especies. O operativo máis destacado foi na Illa de Arousa e resultou coa incautación de 312 nasas e co comiso de 31 quilos de nécora, 13 quilos de polbo, 11 quilos de conguito e catro quilos de congro, debido a que todo estaba sen identificar.

Na ría de Pontevedra, os inspectores da Xunta tamén realizaron varios controis contra a actividade ilegal. Neles aprehendéronse de 342 quilos de diversas especies de marisco e de 84 aparellos, a maioría nasas. A operación máis destacada foi nos portos de Beluso e de Combarro e resultou co comiso de preto de 220 quilos de centola, 65 quilos de mexillón e case cinco quilos de nécora e coa incautación de oito salabardos, xa que carecían de identificación.

Leer más:  Rueda, sobre los resultados de Audasa: "No es lógico ganar tanto y tener esas subidas de peajes tan grandes"

A ría de Vigo tamén foi escenario de controis contra o furtivismo que se saldaron co comiso de 20 quilos de distintas especies de peixe e marisco e con 75 nasas. En concreto, todas estas nasas foron requisadas polos axentes xunto con dous quilos de polbo nunha inspección en Baiona, debido a que estaban sen identificar.

Por outra banda, nas inspeccións realizadas na ría da Coruña, os gardacostas requisaron preto de 137 quilos de marisco e 79 nasas. Un dos controis foi no porto da Coruña e saldouse co comiso de 81 quilos de centola. Os axentes tamén realizaron inspeccións na ría de Muros e Noia, que se saldaron co comiso de preto de 18 quilos de peixe e marisco; na de Corcubión, onde requisaron dous quilos de ameixa, e na ría de Corme e Laxe, onde comisaron preto de sete quilos de polbo.


- Te recomendamos -