Inicio Galicia Os gandeiros galegos ingresaron nos primeiros nove meses do ano preto de...

Os gandeiros galegos ingresaron nos primeiros nove meses do ano preto de 36 millóns de euros máis que no 2017

0

Así o destacou o conselleiro do Medio Rural na entrega dos II Premios Exceleite á excelencia hixiénico-sanitaria das explotacións leiteiras de leite cru de vaca

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu este mediodía en Vilalba, xunto coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, a entrega dos II Premios Exceleite á excelencia hixiénico-sanitaria das explotacións leiteiras de leite cru de vaca. Alí destacou que nos primeiros nove meses do ano, os gandeiros galegos ingresaron preto de 36 millóns de euros máis que no 2017, é dicir, un 6% máis, ata superar os 639 millóns de euros en termos globais.

Estes datos, matizou o conselleiro, son froito do traballo e a seriedade dos gandeiros nas explotacións, que converteron ao sector lácteo no buque insignia do rural galego e conseguiron situar a Galicia como líder indiscutible dentro de España, non só polo seu volume de produción senón tamén pola calidade da súa materia prima.

O conselleiro reiterou a importancia de manter o bo status sanitario da cabana gandeira de Galicia para acadar esa calidade diferenciada, algo que xunto co benestar animal, convértense nas claves deste eido produtivo. Así, González salientou que o seu departamento continuará achegando recursos, ata 17 millóns de euros no ano 2019, para esas campañas de sanidade animal. Neste senso, agradeceu a colaboración dos gandeiros e o gran traballo que realizan tamén os técnicos, veterinarios e persoal que asesora aos produtores.

O titular de Medio Rural tamén fixo fincapé no papel protagonista que teñen as mulleres e os mozos nestes premios Exceleite, algo que ten importancia, dixo, porque demostra a remuda xeracional no agro. Así mesmo, referiuse aos traballos de investigación asociados á recuperación dos recursos autóctonos gandeiros, sinalando que se vai afondar na mellora xenética da raza frisona, para a cal se vai establecer pola Consellería unha nova axuda dotada con 200.000 euros para fomentar a recría desta especie.

Premios ExceleitePreto de 5.000 granxas galegas podían optar a estes premios, todas as que están inscritas no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e que, polo tanto, están en disposición de usar o distintivo de calidade Galega 100%. Delas seleccionáronse, con criterios técnicos, as 50 explotacións finalistas e posteriormente os 20 recoñecementos entregados hoxe nun acto celebrado no hotel Spa Attica 21 de Vilalba.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre