Inicio Galicia Os gandeiros galegos de vacún de leite ingresaron máis de 731 millóns...

Os gandeiros galegos de vacún de leite ingresaron máis de 731 millóns de euros ata outubro, un 3% por riba do mesmo período de 2018

0

José González puxo en valor o incremento do prezo do leite e da produción nos últimos meses como mostra da situación de estabilidade que vive o sector

Os ingresos dos gandeiros galegos de vacún de leite superaron os 731 millóns de euros nos dez primeiros meses de 2019, o que supón un incremento do 3% respecto do mesmo período do exercicio anterior. Así o destacou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na súa visita á explotación Gandaría Bello SC no concello coruñés de Trazo, na que estivo acompañado pola alcaldesa da localidade, Josefina Suárez.

O conselleiro salientou que estes datos reflicten a situación de estabilidade que vive o sector lácteo galego e que se pon de manifesto co incremento progresivo de indicadores coma os prezos e a produción nos últimos meses. De maneira especial, José González puxo en valor a suba de 0,6 céntimos/litro rexistrada en outubro pasado (última cifra oficial coñecida) en relación co mes de setembro, así como o incremento da produción en preto de 8.000 toneladas no último ano, o que supón un 3,4% máis. O titular de Medio Rural lembrou ademais que con estes datos Galicia segue a ser líder nacional tanto en número de gandeiros como en produción leiteira e avanza tamén no impulso á transformación e pola posta en valor do leite, algo que se pon de manifesto a través dos diferentes proxectos industriais en marcha neste intre en lugares como en Outeiro de Rei, Vilalba ou Curtis. Neste mesmo sentido, valorou que a nosa comunidade produza o 40% do leite de todo o Estado e conte con máis da metade das explotacións lácteas do total nacional.

Apoio da XuntaPor todo o dito, o conselleiro subliñou que “este é un sector estratéxico para Galicia”, que conta co pleno apoio da Xunta. Así, advertiu que só este ano o Goberno galego investiu 42 millóns de euros nas axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas (coñecidos como plans de mellora), para a creación de empresas por persoas agricultoras mozas e para o desenvolvemento de pequenas explotacións.

Neste mesmo contexto enmárcase -destacou González- a estratexia de dinamización do sector, que persegue seguir afondando na transparencia e na mellora do funcionamento da cadea de valor do leite. Para acadar eses obxectivos, o conselleiro indicou que “seguiremos apostando pola colaboración e o diálogo, así como por continuar traballando de forma coordinada e conxunta entre todos os elos da devandita cadea”.

Será mediante o esforzo en catro grandes retos de futuro do sector, como son a reforma da PAC, co mantemento das súas axudas nos vindeiros anos; a profesionalización (de aí a aposta pola formación e a innovación); a rendibilidade das explotacións, a través da transformación e a mellora da súa base territorial, coa mobilización de terras, un eido no será clave a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria.

Seguros agrariosPor último, e tamén como demostración dese apoio público aos agricultores e gandeiros, o conselleiro lembrou que hoxe mesmo o Diario Oficial de Galicia publica unha nova convocatoria de axudas para fomentar a contratación de seguros agrarios, dotada con 5 millóns de euros. Deste xeito, destacou González, “consolidamos o seguro agrario como ferramenta eficaz e fiable diante dos riscos naturais no sector agrario, permitindo aos agricultores e gandeiros a obtención de rendas dignas en caso de sinistros e aportando estabilidade á xestión das súas explotacións”.

A Xunta concederá estas axudas de forma directa aos agricultores e poderán ser beneficiarios os asegurados que sexan titulares de explotacións agrarias galegas, sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do Plan 2020 e liñas gandeiras dos plans 2019 e 2020, formalizadas en 2020. Tamén poderán recibir estas achegas os titulares de explotacións de acuicultura continental. Contémplanse, así mesmo, os seguros de retirada e destrución de animais mortos nas explotacións.

En canto ao prazo de presentación de solicitudes, nos diferentes anexos da orde establécense as datas de inicio de subscrición de pólizas de seguros correspondentes ás diferentes liñas que compoñen o Plan de seguros agrarios. As datas abarcan desde o 1 de xaneiro ata o 15 de novembro, segundo a liña de seguro da que se trate, así como do tipo de produción asegurable.

Esta visita a Trazo do conselleiro completouse cun encontro coas integrantes da Asociación Mulleres Rurais da localidade, na que escoitou as súas demandas e inquedanzas e reafirmou o compromiso da Xunta con este colectivo e co empoderamento da muller no agro galego.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre