Inicio Galicia Os concertos de clausura do alumnado póñenlle o ramo ao XXIX Curso...

Os concertos de clausura do alumnado póñenlle o ramo ao XXIX Curso Tamara Brooks de canto e dirección coral

0

O Mosteiro de Armenteira, en Meis, e a Catedral de Tui acollen os recitais, que son abertos ao público e gratuítos

Os concertos de clausura do alumnado, acompañado dunha orquestra de cámara de corda, póñenlle o ramo ao XXIX Curso Tamara Brooks, que chegou á súa vixésimo novena edición e que está apoiado pola Consellería de Cultura e Educación. Mañá luns, na igrexa do Mosteiro de Armenteira e o martes 14, na catedral de Tui os 40 participantes nesta iniciativa formativa ofrecen dous concertos, abertos ao público e gratuítos.

O curso de dirección, canto e técnica vocal, coro e orquestra está dirixido a músicos profesionais e estudantes, pero tamén a persoas interesadas na interpretación musical de xeito afeccionado. Durante a primeira quincena de agosto, os participantes recibiron formación teórico-práctica sobre fundamentos técnicos, así como sesións específicas de preparación e interpretación do repertorio. A formación completouse con actividades en diferentes espazos, como concertos, obradoiros, seminarios e conferencias.

O Curso Tamara Brooks contribúe, deste xeito, a ampliar a oferta cultural do verán na provincia de Pontevedra, e os concertos de clausura, que poñen o ramo á iniciativa, permítenlle ao público achegarse á música coral da man de grandes profesionais e dun alumnado avantaxado.

Leer más:  En Galicia, el tiempo de espera para una primera consulta con el especialista es de 73 días y de 67 días para ser operado

O curso adoptou o nome da directora e pedagoga norteamericana Tamara Brooks tras a súa desaparición en 2012, en recoñecemento ao seu importante labor desde o 2007 e ata o seu falecemento. A iniciativa formativa partiu do Coro de Cámara Camerata Ad Libitum de Ponteareas e o seu director-fundador, o compositor Julio Domínguez, que recibiron no ano 2002 o Gran Premio Nacional de Canto Coral (máxima distinción a nivel do Estado).

Co fin de favorecer a formación musical e a difusión dos novos talentos, a Secretaría Xeral de Cultura vén colaborando con diversas propostas que se desenvolven en varios puntos da comunidade galega. Así, canda o Curso Tamara Brooks, colabórase con iniciativas como o Festival Peregrinos Musicais, o Festival Hércules Brass ou o Encontro Galego de Saxofón, entre outros.


- Te recomendamos -