Inicio Galicia Os CEIP Xaquín Loriga e Plurilingüe de Oca presentan proxectos de promoción...

Os CEIP Xaquín Loriga e Plurilingüe de Oca presentan proxectos de promoción do galego na biblioteca

0

Os equipos de dinamización da lingua galega dos dous colexios de Terra de Montes e do Deza escolleron o Día da Biblioteca para poñelos en marcha


O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitou hoxe, con motivo do Día da Biblioteca, os CEIP Xaquín Loriga de Lalín e Plurilingüe de Oca da Estrada, para coñecer de primeira man o traballo de promoción do uso do galego que os seus equipos de dinamización da lingua están realizando desde as bibliotecas escolares.

Valentín García loou “a colaboración entre o profesorado que se ocupa de dinamizar a biblioteca e o encargado de dinamizar a lingua en favor dun único proxecto educativo que ten na promoción do galego entre os máis novos un dos seus obxectivos fundamentais” e para o que “contaredes sempre coa colaboración da Xunta de Galicia”.

Ao mediodía, o secretario xeral de Política Lingüística acompañou o profesorado e ao alumnado do CEIP estradense na posta en marcha do seu proxecto de dinamización da lingua galega Mulleres pioneiras galegas actuais, que anima á rapazada a indagar sobre figuras femininas relevantes da nosa Comunidade e mais a difundir a súa obra. Trátase da segunda parte dunha proposta bianual que o curso pasado se centrou en mulleres do pasado e neste curso aborda o papel de mulleres dos nosos días relevantes nos ámbitos da política, o deporte, a ciencia, a literatura ou a empresa, entre outros.

A continuación, Valentín García desprazouse ao CEIP Xaquín Loriga, de Lalín, onde asistiu á apertura da súa biblioteca escolar e á presentación do proxecto O Camiño de Santiago: roteiros cun mesmo destino. O acto incluíu unha representación teatral do alumnado, unha recreación de distintas etapas do Camiño Francés e a entrega aos diferentes cursos do centro educativo dos materiais que necesitarán para o traballo de investigación grupal que lles permitirá completar o proxecto.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre