Inicio Galicia Os bidueiros da intervención artística ?Betula pendula? pasan a formar parte do...

Os bidueiros da intervención artística ?Betula pendula? pasan a formar parte do parque do lago da Cidade da Cultura

0

O conselleiro participou hoxe na plantación destas árbores, que enriquecen o proxecto de rexeneración paisaxística do Gaiás

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e a directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, María Pereira, participaron esta mañá na plantación de parte dos bidueiros exhibidos na intervención artística Betula Pendula, que se puido visitar nas Torres Hedjuk entre o 21 de mazo e o 19 de agosto. Ambos estiveron acompañados do autor da intervención artística, Martín Toimil, e do xerente de Viaqua en Santiago de Compostela –entidade patrocinadora da iniciativa–, Jose Antonio del Rey. O obxectivo foi o de completar a mensaxe da propia intervención, pór en valor a fraxilidade e riqueza dos nosos bosques, permitindo que estas árbores poidan gozar dunha nova vida no Parque do Lago do complexo do Gaiás.

A través da intervención artística Betula Pendula, Martín Toimil (Lalín, 1979) fixo uso do carácter dual das Torres Hedjuk –unha de vidro/transparente e outra de pedra/opaca– para amosar a dobre faciana da realidade dos bosques galegos: por unha banda, enxalzar a súa enorme beleza e por outra, advertir da súa fraxilidade, especialmente, por ser obxecto reiterado da lacra do lume.

Para reflectir esta confrontación, o arquitecto paisaxista e enxeñeiro agrónomo instalou bidueiros vivos, coa propia raíz, na torre de cristal; e, pola contra, na de pedra pendurou os queimados pola última vaga de lumes que sufriu Galicia. Para manter vivos os bidueiros na torre de cristal, estiveron suspendidos con amarres desde a propia cepeira, e cun sistema de rego instalado. En ambas instalacións as árbores permaneceron colgadas do revés, emulando o perfil do alzado das Torres, xa que o oco entre os dous edificios é idéntico á silueta dunha árbore invertida.

Esta nova actuación vén reforzar o atractivo do Parque do Lago, un espazo de 51.163 metros cadrados dedicados ao goce da natureza, cun corazón acuático de 4.783 metros cadrados. Conta, ademais, cunha carballeira convertida en espazo de lecer con mesas, bancos e elementos deportivos propios dun circuíto de running, así como cunha rede de camiños que permiten percorrelo a pé. Neste momento, tanto neste espazo como no Bosque de Galicia pode gozarse da exposición Reb/veladas na Paisaxe.

Proxecto de rexeneración paisaxísticaSituado na ladeira do Gaiás, o Parque do Lago é un proxecto de rexeneración paisaxística dirixido pola arquitecta Isabel Aguirre, directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, que está ademais alumeado cun sistema de iluminación con cintas led de baixo consumo.

Ao seu carón, o Bosque de Galicia conta con 34 hectáreas e 12.000 árbores entre as que se atopan carballos, bidueiros, espiños, cerdeiras, érbedos, castiñeiros, faias, capudres e outras especies propias da nosa Comunidade. Así mesmo, o Plan de humanización do Gaiás incluíu a creación de outros tres espazos máis: o Xardín Literario, o Parque da Balea e o Xardín do Teatro.

Deste xeito a plantación de hoxe reforza a relación das zonas verdes do Gaiás co espazo arquitectónico e as intervencións artísticas que acolle a Cidade da Cultura. Non en balde, os espazos verdes son un equipamento fundamental do complexo cultural, ofrecendo unha alternativa de lecer ao aire libre á cidadanía, ao tempo que acollen parte da programación, con actividades como as acampadas de Unha noite no Bosque, a carreira Holi Gaiás, numerosas andainas comentadas, roteiros interpretativos ou obradoiros de natureza para a cativada.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre