Inicio Galicia Os alumnos do CPE Plurilingüe O Cruce, en Cerceda, fórmanse en hábitos...

Os alumnos do CPE Plurilingüe O Cruce, en Cerceda, fórmanse en hábitos responsables nas estradas coa campaña de seguridade viaria 'O corazón está do teu lado'

0

A Consellería de Infraestruturas, coa colaboración de Educación, ten en marcha esta campaña dirixida a cativos de 6 a 12 anos, que entre o pasado curso e o presente chegará a 40 colexios


Os escolares do CPE Plurilingüe O Cruce, en Cerceda, xa forman parte desde esta semana da campaña da Xunta O corazón está do teu lado, que ten como obxectivo fomentar hábitos responsables nas estradas entre os máis novos.

Os rapaces deste centro educativo aproveitaron toda a xornada do venres para iniciarse nas actividades propostas nas unidades didácticas coas que tamén traballarán co profesorado ao longo de todo o curso escolar, para sensibilizarse da relevancia da seguridade viaria e do respecto ás normas de circulación.

Esta iniciativa da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, coa colaboración de Educación, está a impulsar a educación viaria e vai dirixida a nenos de 6 a 12 anos, prevéndose que entre o pasado curso e o presente a campaña chegue aos nenos duns 40 centros escolares.

Este curso escolar está a darse continuidade á actividade formativa que vén desenvolvendo a Xunta nos último anos, tendo programado levar este curso de sensibilización viaria a un total de 20 colexios de toda Galicia.

O programa, incluído dentro do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, ten como obxectivo explicar e ensinar aos máis cativos a marxe da estrada pola que deben camiñar, sempre pola esquerda, polo lado do corazón. Trátase así de que os cativos aprenden a importancia de empregar as sendas peonís, camiñar polo lado do corazón, cruzar nos pasos de peóns ou facerse ver o máximo posible ante os vehículos que circulan pola vía.

A campaña busca, en definitiva, que os máis novos se preocupen pola súa propia seguridade viaria e contribúan, deste xeito, tamén á seguridade dos demais.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre