Inicio Galicia Os albergues públicos da Xunta, a Catedral de Santiago e a Oficina...

Os albergues públicos da Xunta, a Catedral de Santiago e a Oficina do Peregrino coordinaranse para reabrir o 1 de xullo

0

A Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 reuniuse hoxe para avaliar a reactivación do Camiño de Santiago de xeito coordinado e progresivo


A reactivación do Camiño de Santiago levarase a cabo dun xeito coordinado e progresivo. Así se concretou hoxe na reunión da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021, onde a Xunta de Galicia, a Igrexa compostelá e o Concello de Santiago acordaron compaxinar a reapertura dos albergues da rede pública, da Catedral e do Centro Internacional de Acollida ao Peregrino a partir do vindeiro 1 de xullo, establecendo así unha data efectiva do reinicio da peregrinación xacobea.

Aínda que nestes momentos a entrada na fase 3 posibilita os desprazamentos entre as distintas provincias galegas, coincidiron en trasladar unha mensaxe de prudencia para que os peregrinos poidan planificar a súa volta ao Camiño, ao tempo que os concellos polos que discorre e as empresas e profesionais que traballan ao seu carón vaian retomando a súa actividade. Co fin de facilitar este labor, a Xunta ten en marcha iniciativas, tanto de formación como de financiamento, para acompañar no proceso de adaptación ao novo escenario.

O conselleiro confirmou, así mesmo, que os albergues da rede pública cuxa xestión dependa exclusivamente do Goberno autonómico abrirán de maneira gradual, en función da oferta de prazas de aloxamento totais nos albergues de cada concello. Trátase dunha medida suxerida desde os aloxamentos privados que foi analizada cos distintos implicados e que acadou un alto grao de consenso polo seu efecto positivo nas economías locais.“Todos queremos que os peregrinos poidan volver pronto ao Camiño de Santiago –salientou o conselleiro– pero a prioridade absoluta é garantir a seguridade para os que percorren a ruta, e para os profesionais ou voluntarios que están presentes no seu día a día”.

Seguridade sanitariaOs membros da Comisión subliñaron a importancia dunha recuperación do Camiño segura e pautada, respectando as medidas de seguridade sanitaria e atendendo ás condicións de mobilidade que se establezan. Neste sentido, o conselleiro de Cultura e Turismo deu conta dos traballos en marcha por parte da Administración autonómica para facilitar este proceso e que están enmarcados no programa Camiño Seguro. Como resaltou, “o obxectivo é a coordinación entre os organismos xestores e axentes presentes na ruta”.

A este respecto, o representante da Xunta sinalou que o manual preventivo para o Camiño esta practicamente rematado, a falta da súa validación definitiva por parte das autoridades sanitarias. Elaborado en coordinación co Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE), servirá como protocolo integral de actuación nos itinerarios xacobeos, agrupando nun único documento medidas e recomendacións nos diferentes servizos e infraestruturas que o peregrino atopa ao longo do Camiño. Este documento, desenvolvido a iniciativa de Galicia, foi xa posto a disposición do resto de comunidades autónomas no Consejo Jacobeo.

Formación e axudas directasEntre as medidas de Camiño Seguro, Román Rodríguez referiuse tamén aos cursos en liña de formación en materia de seguridade hixiénico-sanitaria dirixido a traballadores de albergues, que comezaron a impartirse onte cunha oferta inicial de 500 prazas.

Igualmente lembrou a convocatoria de axudas directas, por valor de 6M€, para que o sector turístico e da restauración poida adaptar os seus negocios, unha liña que tamén está aberta para os establecementos do Camiño. Estes teñen a súa disposición o servizo de asesoramento a través do teléfono gratuíto 900 815 334 e o correo electrónico a info-galiciadestinoseguro@xunta.gal, para resolver dúbidas de seguridade sanitaria.

Achegas do grupo de traballoA celebración do Xacobeo 2021 foi outro dos temas abordados na Comisión Organizadora, na que o conselleiro avanzou que a Xunta conta xa coas primeiras recomendacións por parte do grupo de traballo creado para a súa redefinición, conformado por representantes das administracións xestoras do Camiño, das asociacións de amigos, dos sectores cultural e turístico, da Igrexa ou do eido académico e investigador. Con obxectivos pautados a curto e a longo prazo, as súas achegas serán tidas en conta tanto na reactivación do Camiño como en dita redefinición, apostando pola seguridade, a sustentabilidade e a dixitalización.

As súas propostas, que se enriquecerán co traballo posto en marcha en diferentes niveis polo Goberno autonómico, están pensadas para aproveitar a oportunidade do Xacobeo 2021 como proxecto de país e con dimensión internacional, que permita axudar a reactivar a economía e o emprego non só na cultura e turismo, senón tamén noutros sectores.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre