Inicio Galicia Os 19 proxectos do coworking da Costa da Morte apostan por servizos...

Os 19 proxectos do coworking da Costa da Morte apostan por servizos innovadores e a valorización dos recursos do territorio

0

Cabana de Bergantiños acolleu hoxe a presentación das iniciativas emprendedoras desenvoltas na aceleradora, na que colaboran a Xunta e a Escola de Organización Industrial (EOI) 

A Escola de Vela de Cabana de Bergantiños acolleu hoxe a presentación dos proxectos impulsados na cuarta edición do coworking da Costa da Morte, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e a Escola de Organización Industrial (EOI), e na que 23 emprendedores recibiron formación e asesoramento á medida para o desenvolvemento dun total de 19 proxectos empresariais.

Os novos empresarios optaron pola oferta de servizos e produtos en diferentes ámbitos de actividade, como os relacionados coa valorización de recursos do territorio, o turismo activo e a hostalería; a agroalimentación baseada en produtos artesanais; o desenvolvemento de solucións dixitais en sectores como a enxeñería e a arquitectura; a asistencia e a conciliación familiar, laboral e persoal; os coidado; a industria da saúde; e a oferta de novas prestacións no sector do transporte, a comunicación e a intervención social.

Nas catro convocatorias da aceleradora da Costa da Morte levan participado ata o momento máis de 92 emprendedores con 81 proxectos, dos cales 29 xa iniciaron a súa actividade empresarial. Estes proxectos levan asociados a creación ou mantemento de 43 empregos. A iniciativa forma parte da rede coworking creada pola Conselleira de Economía, Emprego e Industria, cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE), para favorecer o desenvolvemento de plans empresariais e a creación de emprego sobre o territorio.

Este apoio da Xunta para o fomento do espírito emprendedor, sobre todo nos concellos do rural, súmase aos programas que ofrece a Consellería de Economía, Emprego e Industria como o Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende, que a través das súas últimas convocatorias achegarán axudas por valor de 9 millóns de euros a 200 proxectos de autónomos e emprendedores para mobilizar investimentos que superarán os 24 millóns de euros. Ademais, as iniciativas empresariais de nova creación teñen á súa disposición apoios ao financiamento, como o programa de Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIs) do Igape ou o Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras xestionado por XesGalicia.

Nestes días están a finalizar tamén as accións de formación e asesoramento das últimas edicións dos espazos coworking de Santiago de Compostela, Celanova-Terras da Limia, Ferrolterra, A Mariña lucense, A Ribeira Sacra, o Salnés e Ourense, nas que, en conxunto, se apoiaron 167 novos proxectos de emprendemento. Durante os catro anos que leva en marcha, esta rede de aceleradoras impulsou un total de 641 plans empresariais de 700 emprendedores.

A aposta da Xunta polo impulso e consolidación de novas empresas consolídase a través da plataforma StartIN, coa que se ofrece apoio integral ao emprendemento en todo o territorio, apoiando nos últimos cinco anos máis de 1000 proxectos. Ademais da rede coworking, esta iniciativa desenvolve as business factories dos sectores da alimentación (BFFood), a automoción (BFAuto), a aeronáutica (BFAero), a biotecnoloxía (Bioincubatech) ou Agrobiotech (centrada nos eidos agroalimentario, a biotecnoloxía e a biomasa). 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre