Inicio Galicia Os 15 alumnos menores de 30 anos do obradoiro de emprego de...

Os 15 alumnos menores de 30 anos do obradoiro de emprego de Oleiros formáronse en traballos de carpintería e moble

0

Esta iniciativa xestionouse a través do Sistema de Garantía Xuvenil e tivo unha duración de seis meses

Un total de 15 alumnos e alumnas menores de 30 anos formáronse nos últimos seis meses en Oleiros como técnicos en carpintería e moble, gracias a un obradoiro de emprego de Garantía Xuvenil que percibiu unha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria de algo máis de 140.000 euros. O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, xunto ao alcalde da localidade, Ángel García Seoane, clausuraron hoxe o obradoiro.

Este proxecto centrouse na restauración do edificio principal da finca Tenreiro. Este é terceiro obradoiro de emprego desenvolvido no concello de Oleiros co financiamento da Xunta de Galicia para a rehabilitación de ese parque público. En anteriores actuacións acometeuse a restauración da vivenda dos guardeses e a recuperación do estanque ornamental.

Concretamente, o alumnado deste obradoiro centrouse na fabricación das cerchas e das correas de madeira laminada para a cuberta da edificación principal, a instalación de panel sandwich de madeira con illamento e a colocación de rastrel primario en madeira de pino e lámina illante.

Xunto coa formación teórica da especialidade, estas actuacións serviron como prácticas laborais para que o alumnado recibise hoxe os certificados profesionais con validez en todo o Estado que permitirán mellorar a súa empregabilidade. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibiron formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.

A provincia da Coruña conta no curso 2017-2018 cun total de 24 obradoiros de emprego, 16 deles de carácter xeral, onde participan alumnos e alumnas de calquera idade e oito de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas invístense en políticas activas de emprego máis de 5,4 millóns de euros na provincia e participan un total de 440 persoas desempregadas.

Os obradoiros xerais, cada un con 20 prazas, teñen lugar en Oza-Cesuras compartido con Coirós; Ribeira compartido con Porto do Son; Abegondo compartido con Bergondo, Betanzos, Carral, Coirós, Oza-Cesuras e Paderne; Ferrol; A Laracha compartido con Arteixo; Monfero compartido con Aranga, Irixoa e Vilarmaior; Boqueixón compartido con Vedra; Santa Comba compartido con Mazaricos e Dumbría; Betanzos compartido con Abegondo, Carral, Coirós e Paderne; Padrón compartido con Rois e Dodro; As Pontes; Mugardos compartido con Ares, Fene, Cabanas e Neda; Cambre compartido con Sada; Miño compartido con Paderne e Pontedeume; Touro compartido con O Pino; e Ordes compartido con Frades.

Pola súa banda, os obradoiros do Sistema de Garantía Xuvenil, que contaron cada un con 15 alumnos-traballadores, realizáronse en Ames compartido con Brión; Carballo; Fene compartido con Ares, Neda, Mugardos e Cabanas; Santiago; Muros compartido con Carnota; Oleiros; A Coruña; e Boiro.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, destacou o “compromiso claro da Xunta para traballar na creación de postos de traballo de calidade, estables e coa mirada posta no futuro”. Rodeiro fixo fincapé que “ o obxectivo de incorporarse ao mercado laboral debe facerse dende unha posición activa e comprometida, xa que a motivación e a actitude son valores determinantes na busca de emprego”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre