Inicio Galicia Os 10 espazos coworking da Xunta e a EOI abren o prazo...

Os 10 espazos coworking da Xunta e a EOI abren o prazo de inscrición para que máis de 200 emprendedores galegos accedan a formación e asesoramento

0

Ata o 30 de novembro poderán presentarse as solicitudes para a nova edición, que disporá dun orzamento dun millón de euros

Máis de 200 emprendedores galegos poderán recibir formación e asesoramento gratuíto nos dez coworking que en datas próximas comezarán as actividades da súa nova convocatoria e para os que se vén de abrir o prazo de inscrición, que remata o 30 de novembro. A Consellería de Economía, Emprego e Industria reforza nesta edición a súa aposta polo emprendemento coa posta en marcha de tres novos espazos en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI).

Así, xunto cos xa activos, estarán en funcionamento un total de 10 coworking que, cun orzamento dun millón de euros, facilitarán o desenvolvemento de máis de 200 iniciativas empresariais.

Os novos tres espazos acelerarán proxectos relacionados con actividades específicas. Así, o coworking do Ribeiro, situado no concello ourensán de Cenlle, promoverá a agroalimentación, o turismo rural e a economía circular, mentres que o de Palas de Rei (Lugo) se centrará no Camiño de Santiago para fomentar o emprendemento na ruta xacobea. O espazo que se abrirá no Morrazo, en Moaña, impulsará a procura de novas oportunidades a emprendedores e empresarios relacionados co sector naval.

As novas aceleradoras súmanse ás xa en funcionamento en edicións anteriores, abertas na Mariña lucense (con sede en Mondoñedo); A Ribeira Sacra (Monforte de Lemos); Terras da Limia (Celanova); A Costa da Morte (Cabana de Bergantiños); Santiago de Compostela, Ferrolterra (CIS Galicia en Ferrol) e O Salnés (Vilanova de Arousa).

A rede de espazos coworking impulsada promovida pola Xunta a través do Igape e a EOI forma parte da plataforma StartIN Galicia, que agrupa a todas as aceleradoras que apoia a Administración autonómica. Dentro desta plataforma de apoio integral desenvólvense as business factories e outras aceleradoras como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future e Connecting For Good Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre