Inicio Galicia Once concellos acollen as propostas do 'FalaRedes' e de 'Nós contra a...

Once concellos acollen as propostas do 'FalaRedes' e de 'Nós contra a violencia' impulsadas pola Xunta

0

O programa de actividades da Consellería de Cultura e Turismo fai parada durante a fin de semana en Monforte de Lemos, Mondoñedo, Toén, Barro, Boqueixón e Abegondo


Once concellos galegos acollen desde hoxe ata o domingo outras tantas actividades impulsadas pola Xunta de Galicia no marco do programa de dinamización lingüística FalaRedes e da campaña Nós contra a violencia. Esta última iniciativa desenvólvese en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade para darlle cumprimento aos obxectivos establecidos no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Lalín e Burela abriron hoxe a axenda semanal de actividades de Nós contra a violencia, cun pase matinal de O país dos mandóns e un obradoiro de Danza contemporánea pola igualdade, respectivamente, ambos os dous dirixidos a público escolar. Tamén hoxe, ás 17,30 horas, acolle a Biblioteca Pública Municipal do Milladoiro, en Ames, a actividade en aberto Contos do dereito e do revés, coincidindo coa celebración do Día da Biblioteca.

Mañá, venres 25, Ponteareas acolle o espectáculo de dinamización lingüística Mai Mai, a cargo de Baobab Teatro, cunha función ás 18,30 horas no seu Auditorio Municipal. A mesma actividade, dirixida ás familias con cativada desde os cinco anos, poderase gozar o sábado 26 en Arteixo, ás 17,00 horas no Centro Cívico e Cultural, onde cómpre retirada previa de convite no Centro de Información á Muller (CIM) municipal. As seguintes paradas desta peza, que pon en valor temas como a igualdade entre os sexos, o paoderamento da muller e aprevención da violencia de xénero, serán Ribadavia e Muros na vindeira semana.

Xa no FalaRedes, centra as propostas destinadas ao lecer das familias en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) a actividade Rosa caramelo e outras historias, a cargo da coñecida compañía Talía Teatro e inspirada nos contos da italiana Adela Turín, pioneira na investigación da literatura infantil e xuvenil desde a perspectiva de xénero. Mañá, venres 25, en Monforte de Lemos (no Edificio Multiúsos, ás 19,00 horas), e o domingo 27 en Mondoñedo, na Casa da Xuventude, ás 19,00 horas). A xira desta peza, que afonda nos roles e estereotipos para contribuír a desmontar prexuízos sobre aptitudes e actitudes de homes e mulleres, prosegue nas vindeiras semanas en Viana do Bolo, Negreira, Lalín, Trazo, Burela, O Porriño e Vilagarcía de Arousa.

Magín Blanco, acompañado de Teatro Ghazafellos e Cristian Leggiero, empraza as familias con cativada en catro localidades para facer parada coa nova proposta teatral-musical A nena e o grilo máis aló o sábado 26 en Toén (na Casa da Cultura de Moreiras, ás 11,30 horas) e en Barro (na Nave da Música, ás 18,00 horas). O domingo 27, as citas son pola mañá en Boqueixón (na Casa da Cultura de Camporrapado, ás 12,00 horas) e pola tarde en Abegondo (no Salón de Mabegondo, ás 18,30 horas). Nelas, os coñecidos personaxes que protagonizaron con grande éxito de acollida os espectáculos A nena e o grilo (Bocaberta 2010) e A nena e o grilo nun barquiño (FalaRedes 2013), enfrontaranse a unha nova trama na que o misterio, os medos e os valores da afouteza, solidariedade e amizade adquirirán grande importancia. As seguintes citas en localidades da RDL serán, ata novembro, en Outes, Frades, Oímbra, Boimorto e Pontecesures.

Toda a información e calendarios completos dispoñibles no Portal da Lingua Galega http://www.lingua.gal e na Axenda de Cultura de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre