Inicio Galicia O xerente do Sergas sitúa aos profesionais da saúde como piar fundamental...

O xerente do Sergas sitúa aos profesionais da saúde como piar fundamental no apoio ás mulleres en situación de violencia de xénero

0

A organización sanitaria presentou dous vídeos informativos-formativos elaborados como parte das actuacións desenvolvidas polo Servizo Galego de Saúde para mellorar a intervención sobre esta forma de violencia


O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, considerou esta mañá aos profesionais da saúde un piar fundamental para outorgar o apoio necesario ás mulleres en situación de violencia de xénero e destacou que a accesibilidade e dispoñibilidade da rede sanitaria, 24 horas ao día e 365 días ao ano, fan dos servizos de saúde unha peza clave na prevención e detección temperá destas formas de violencia. Nesa tarefa, Fernández-Campa considerou a “escoita terapéutica” como a maior fortaleza do sistema sanitario para poder prestar o acompañamento preciso.

O xerente do Sergas participou xunto coa secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a xerente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), Beatriz Allegue Requeijo, na inauguración da xornada Miradas expertas en violencia con perspectiva de xénero. Nas vésperas do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Sergas presentou dous vídeos informativos-formativos preparados pola organización sanitaria para afondar na concienciación sobre esta forma de violencia, como parte do conxunto de accións desenvolvidas na materia.

Neste ámbito, Antonio Fernández-Campa recordou que o Sergas conta cun grupo técnico de violencia de xénero que, entre outras actuacións, está a piques de rematar a revisión dos procedementos de intervención en saúde en situacións de violencia de xénero para incluír unha valoración do risco, así como unha atención especial á realidade das mulleres con discapacidade. Do mesmo xeito, se procedeu á actualización da estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde para, por primeira vez, centralizar na xerencia a competencia de coordinación das políticas en materia de violencia contra a muller da rede sanitaria pública galega.

Pola súa parte, a secretaria xeral da Igualdade destacou que os profesionais sanitarios xogan un papel imprescindible para axudar ás vítimas da violencia de xénero porque o sistema sanitario é unha das primeiras portas de entrada e de contacto destas mulleres cos servizos públicos. Nesta liña, López Abella sinalou que a detección da situación de violencia e a prevención das súas consecuencias por parte do persoal sanitario supón o primeiro paso para a visualización do problema. Ademais, incidiu no importante labor que estes profesionais levan a cabo na prestación dunha atención integral ás mulleres en situación de violencia, así como aos seus fillos e fillas e outras persoas ao seu cargo.

As xornadas de hoxe enmárcanse no convenio de colaboración entre a Vicepresidencia da Xunta e a Consellería de Sanidade ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, dotado con 290.000 euros, co obxectivo de impulsar a loita contra a violencia de xénero no ámbito sanitario, a través de medidas como campañas de sensibilización ou a formación dos profesionais do sector.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre