Inicio Galicia O xerente de ACIS remarca a importancia de investir no sistema sanitario...

O xerente de ACIS remarca a importancia de investir no sistema sanitario co obxectivo de traballar na restauración económica

0
image_gallery.jpg

Fernández-Campa compareceu na Comisión do estudo sobre a reactivación económica do Parlamento de Galicia, onde subliñou que o Sergas é un dos servizos sanitarios españois que máis avanzou en transformación dixital


O xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), organismo dependente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, compareceu hoxe no Parlamento galego, na Comisión de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da covid. Na súa intervención, o xerente de ACIS remarcou que, cando se consideren as distintas posibilidades para traballar na restauración económica, se pense no sistema sanitario non como un gasto, senón como un investimento para actuar tamén como un excelente dinamizador económico.

Fernández-Campa sinalou un conxunto de actuacións a abordar para mellorar o sistema sanitario e permitir o desenvolvemento e a reactivación da actividade económica.

En primeiro lugar, incidiu nas actuacións dirixidas a unha acelerada adopción da tecnoloxía xa desenvolvida nos plans de innovación que veu executando o Sergas nestes últimos anos, como poden ser o Hospital 2050, InnovaSaúde ou Código 100. En segundo lugar, as que se refiren a necesidades de incorporar e impulsar as novas tecnoloxías emerxentes que poden xerar un novo modelo de atención sanitaria máis eficiente e equitativo. En terceiro lugar, o xerente de ACIS citou, entre as actuacións a abordar, as medidas que tratan de aumentar as capacidades dos nosos profesionais e investigadores e axentes vinculados á innovación, potenciando o seu sistema de xestión do coñecemento asentándoo na tecnoloxía bigdata.

Galicia, á cabeza da transformación dixitalGalicia é unha das rexións de España que máis avanzou en transformación dixital o que está a permitir, -dixo o xerente-, tratar aos pacientes do Sergas dunha maneira que antes era impensable abordar. Asl, realizar unha teleconsulta nun hospital sen que o paciente saia da contorna de atención primaria; dar unha segunda opinión sobre un proceso clínico a 200 km de distancia; ou manter unha monitoraxe remota dun paciente no seu domicilio, son prácticas sanitarias que as tecnoloxías permiten abordar e que melloran ostensiblemente a calidade na asistencia aos pacientes.

Existe a posibilidade, -remarcou Fernández-Campa-, en seguir avanzando e introducir na sanidade galega outro conxunto importante de tecnoloxías emerxentes, polo que propuxo, entre outras iniciativas, diversas actuacións dirixidas á dixitalización completa da imaxe de anatomía patolóxica no Sergas; o despregamento da teleconsulta médico-paciente en toda a atención primaria e hospitalaria; á conectividade do 100% a través de interfaces para integrar a información que xeran os dispositivos en domicilio á historia clínica electrónica; ou o desenvolvemento de apps que permitan aos cidadáns interaccionar mellor cos sistemas de saúde e incrementar os seus autocoidados de saúde de forma proactiva.

Outras actuacións propostas polo xerente de ACIS no Parlamento foron, a integración dos sistemas de diagnóstico por xenómica e proteómica no sistema de historia clínica e bigdata; ou o despregamento dunha central de imaxe médica que permita o diagnóstico por imaxe dende o domicilio do profesional ou dende hospitais distintos onde é atendido o cidadán.

O sistema sanitario é unha excelente opción para a reactivación económica, xa que permite mellorar a calidade dos servizos asistenciais prestados á cidadanía e fomentar a actividade empresarial; impulsar a internacionalización e comercialización da innovación e, ademais, facilitar o co-desenvolvemento de produtos innovadores.

Experiencia do SergasO xerente de ACIS remarcou que, actualmente, o Sergas posúe unha importante experiencia no uso de técnicas de intelixencia artificial que permitiu, entre outras medidas, a estratificación das características da poboación segundo a complexida e patoloxía, o que posibilita planificar unha redistribución efectiva dos cupos médicos; a optimización do uso de vías rápidas, analizando o impacto positivo na saúde e a súa efectividade e, no caso das enfermidades raras, permite ao Sergas localizar xa máis de 1.000 casos destas patoloxías non diagnósticadas.

Segundo Fernández-Campa, é necesario seguir a avanzar na innovación como motor de desenvolvemento e, en especial, no campo da intelixencia artificial e na introdución na sanidade galega doutro conxunto de tecnoloxías emerxentes. Entre as novas medidas propostas neste apartado polo xerente de ACIS están: os sistemas de identificación de brotes baseados en intelixencia artificial; desenvolver formas de conectividade de dispositivos médicos a través de 5G; o desenvolvemento dunha historia clínica intelixente baseada na aplicación de técnicas de intelixencia artificial; ou a potenciación de sistemas de simulación para a formación de profesionais, persoal sanitario residente e alumnos de grao.

Importancia dos produtos fabricados en GaliciaO xerente de ACIS remarcou que o Sergas construíu, durante os últimos anos, un sólido bloque de sistemas de información onde se xeran e almacenan centos de miles de rexistros de datos de saúde diariamente, onde incluso, o propio cidadán, envía información do seu estado de saúde, e incidiu en que, a creación dunha infraestrutura de bigdata enfocada á investigación, permitiría que os investigadores galegos puidense analizar toda a información respectando a privacidade da cidadanía e, por tanto, avanzar na medicina personalizada.

Fernández-Campa dixo que debemos estar preparados para a nova realidade e para as novas pandemias que no futuro seguiranse a producir. A tal efecto, para o sistema sanitario sería importante poder contar con produtos fabricados en Galicia e, para iso, para ter un tecido produtivo propio, é necesario que o sistema sanitario poida adquirir de forma regular estes produtos, -concluíu-.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre