Inicio Galicia O vicepresidente da Xunta dará conta no Parlamento das demandas da Axenda...

O vicepresidente da Xunta dará conta no Parlamento das demandas da Axenda Galega trasladadas ao Goberno central

0

Alfonso Rueda comparecerá por iniciativa propia a próxima semana para explicar as necesidades máis prioritarias que centrarán o diálogo entre o Goberno autonómico e novo Goberno central, e que deben ser abordadas de xeito inmediato


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, comparecerá por iniciativa propia a próxima semana no Parlamento galego para dar conta da Axenda galega plantexada diante do Goberno central para a súa concreción e execución.

O obxectivo é explicar as necesidades máis prioritarias que centrarán o diálogo entre o Goberno autonómico e novo Goberno central, e que deben ser abordadas de xeito inmediato. Estes asuntos xa foron tamén incluídos nas 22 cartas que o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, remitiu a semana pasada aos ministros.

As demandas trasladadas pola Xunta céntranse nun amplo abano de áreas como o financiamento, as infraestruturas, o apoio á industria, a sanidade, ou os servizos de benestar, peticións todas elas que buscan prestar máis e mellores servizos á cidadanía.

Así, tal e como xa se trasladou en anteriores ocasións, entre os asuntos máis urxentes sitúase o pago das cantidades que corresponderían a Galicia en función da mensualidade pendente do IVE de 2017 e dos incentivos polo cumprimento das regras fiscais: uns 370 millóns de euros, segundo os cálculos da Xunta.

Outra das demandas máis apremiantes é a transferencia da AP-9, que xa foi solicitada ao Goberno central en anteriores ocasións. Na mesma orde de asuntos, tamén se reiterou a necesidade de que Galicia conte cun calendario real da chegada do AVE.

A situación das industrias galegas, das que dependen milleiros de empregos, é tamén un dos asuntos de maior prioridade para o Goberno galego. De aí que teña reclamado ante o Goberno central unha transición ecolóxica xusta e a aprobación definitiva do estatuto para as empresas electrointensivas, ademais de carga de traballo para Navantia.

No ámbito máis social, transmitiuse a necesidade de que se aborde a cobertura de persoal nas especialidades onde se están rexistrando maiores dificultades, como é o caso de pediatría ou medicina de familia. Ademais, tamén se solicitou un maior equilibrio entre as achegas da Xunta e do Goberno central no sostemento do sistema de dependencia.

As necesidades de Galicia tamén pasan por unha maior implicación do Goberno central no Xacobeo 2021; o mantemento do diálogo en favor do sector primario; un apoio decidido á innovación; o traballo conxunto por un pacto pola Educación; a cobertura dos medios persoais da Policía Autonómica; ou a necesidade de traballar pola igualdade de todos os españois no marco do respecto ao estado autonómico.

A Xunta, pola súa banda, compromete a súa máxima colaboración, lealdade institucional e vontade de diálogo para dar solución, canto antes, a todas estas necesidades. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre