Inicio Galicia O V Foro de Coprodución Portugal-Galicia abre a convocatoria para reunir empresas...

O V Foro de Coprodución Portugal-Galicia abre a convocatoria para reunir empresas audiovisuais de ambos países en Arnoia

0

Celebrarase os días 14 e 15 de novembro no balneario desta localidade ourensá


O Encontro Profesional de Coprodución Portugal-Galicia abre hoxe o proceso inscrición para as empresas audiovisuais de ambas as beiras do Miño interesadas en participar na súa quinta edición, que terá lugar os días 14 e 15 de novembro no Balneario de Arnoia (Ourense). Como en anos anteriores, este foro bilateral está convocado conxuntamente pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e o Instituto do Cinema e do Audiovisual (ICA) de Portugal.

Esta iniciativa, para a que se conta tamén coa colaboración da Unión Europea mediante o subprograma MEDIA-Europa Creativa, busca facilitar o contacto directo entre produtoras galegas e portuguesas na procura de socios estratéxicos para a coprodución dos seus proxectos audiovisuais de cinema e televisión, tanto no ámbito da ficción como no da animación ou documental. O obxectivo é ampliar as súas oportunidades de financiamento, ao tempo que se favorece o intercambio de profesionais técnicos e artísticos e se abren novas canles de distribución e difusión.

Seguindo a súa estrutura habitual, o encontro articúlase arredor de reunións bilaterais, cunha axenda previamente definida pola organización para aquelas compañías que acudan con proxectos audiovisuais en fase de desenvolvemento. Estas xuntanzas están programadas para a tarde do venres 15 de novembro.

Este ano, ademais, inclúense tres sesións específicas impartidas por profesorado do EAVE, Eurodoc e APostLab, tres prestixiosos programa formativos europeos do ámbito audiovisual, que estarán orientadas a aspectos relacionados coa coprodución internacional.

As empresas galegas interesadas en participar nesta quinta edición do Encontro Profesional de Coprodución Portugal-Galicia deben remitir un correo previo a audiovisual.agadic@xunta.gal antes do venres 18 de outubro para solicitar o envío do formulario de rexistro na actividade e de inscrición de proxectos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre