Inicio Galicia O Turismo Galego prevé un incremento da ocupación de entre un 5...

O Turismo Galego prevé un incremento da ocupación de entre un 5 e un 10% durante a celebración da Semana Santa

0

Así se reflicte na sondaxe preliminar realizada polo sector que inicialmente estima ocupacións entre o 80 e 85% nas xornadas festivas na Comunidade


O sector turístico galego prevé un incremento da ocupación nos establecementos de aloxamento durante a Semana Santa que poderá ser entre un 5 e un 10% superior á do ano pasado. Así se reflicte da sondaxe preliminar realizada polo Clúster Turismo de Galicia entre os seus asociados e outras entidades xestoras de destino. Nela estiman unha ocupación global nos establecementos galegos de entre un 80 e un 85% a partir do Xoves Santo, suxeita a reservas e cancelacións de última hora.

De xeito global para toda Galicia, as estimacións do sector tamén apuntan a unhas boas perspectivas en canto á súa rendibilidade durante estas datas, con incrementos dos prezos medios por habitación que se situarían entre o 15 e o 20% de media. En canto ao persoal, agardan un lixeiro reponte nas contratación, en momentos puntuais e en postos determinados.

Segundo os datos que achega o sector, na provincia de A Coruña, os empresarios da cidade herculina agardan para os días centrais unha ocupación que roldará o 75%; en Santiago de Compostela, estiman unhas cifras de ocupación do 85%. No caso de destinos como Ferrol, onde a súa Semana Santa é de Interese Turístico Internacional, os establecementos consultados apuntan a unha ocupación de máis do 95% o Xoves e o Venres Santo.

No que respecta á provincia de Lugo, a porcentaxe media de ocupación que prevén os empresarios do sector consultados móvese entre o 90% e o 95%, tendo en conta que na Mariña Lucense atópase a segunda das Semanas Santas de Interese Turístico Internacional coas que conta Galicia, a de Viveiro.

Na provincia de Pontevedra os empresarios falan dunha ocupación prevista en torno a un 95%. Na comarca do Salnés, con Sanxenxo como referencia, o sector espera graos de ocupación superiores ao 87%. En Vigo, a sondaxe preliminar do Clúster Turismo de Galicia apunta a unha ocupación do 81% nos tres días de maior afluencia turística. Pola súa banda, os empresarios do sector da provincia de Ourense estiman unha ocupación superior ao 90%. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre