Inicio Galicia O Tribunal Supremo volve dar a razón á Xunta e avala na...

O Tribunal Supremo volve dar a razón á Xunta e avala na súa totalidade a regulación das vivendas de uso turístico

0

Desestima o recurso de casación presentado pola Administración Xeral do Estado e a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia contra a norma galega

O Tribunal Supremo avala na súa totalidade a normativa galega que regula as vivendas de uso turístico na nosa Comunidade. Así o establece nunha sentencia notificada no día de hoxe que rexeita o recurso de casación presentado pola Administración Xeral do Estado e a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC), que pretendían a anulación de diversos preceptos de dita norma.

Polo tanto, a regulación das vivendas de uso turístico, así como dos apartamentos turísticos e das vivendas turísticas, manterase vixente a través da lei 7/2011 e do decreto 12/2017, mecanismos que están a permitir o correcto funcionamento deste mercado na nosa Comunidade, garantindo os dereitos tanto dos consumidores como da poboación local.

O fallo do Tribunal Supremo apoia, tal e como vén defendendo a Xunta, que o obxectivo desta regulación non é impoñer restricións, senón facilitar un desenvolvemento turístico ordenado, protexendo aos usuarios e garantindo a sustentabilidade dunha actividade de calidade. Deste xeito, avala a tese de que as vivendas de uso turístico deben alugarse pola totalidade da vivenda e non por habitacións en base ao marco normativo autonómico.

Isto, en opinión do Alto Tribunal, “significa, desde logo, que non nos atopamos ante unha prohibición xeral”, senón ante a “regulación dunha actividade empresarial concreta encamiñada ao mellor desenvolvemento da mesma”, o que supón “xustificación suficiente”. “Entendemos a finalidade da medida ofrecida polo lexislador autonómico, principalmente a mellor garantía dos dereitos dos usuarios e o fomento dunha oferta turística de calidade”.

De igual xeito, mantense a posibilidade, habilitada pola Xunta de Galicia, de que os concellos establezan limitacións respecto ao número máximo de vivendas de uso turístico por edificio ou sector, se concorren circunstancias e razóns de imperioso interese xeral.

A sentencia responde ao recurso de casación interposto pola Administración Xeral do Estado e a CNMC, despois de que xa en 2018 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) dese a razón en dúas ocasións á Xunta e avalase integramente a súa normativa.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre