Inicio Galicia O tramo internacional do río Miño estreará novas medidas de xestión fluvial...

O tramo internacional do río Miño estreará novas medidas de xestión fluvial durante a próxima tempada de pesca

0

As novidades foron propostas no marco do proxecto de cooperación transfronteiriza POCTEP Migramiño, liderado pola Xunta desde o ano 2017 e que busca protexer e conservar os peixes migradores na conca do Baixo Miño


A tempada de pesca para o ano 2021 comezará con novas normas de xestión dos recursos no Tramo Internacional do Río Miño (TIRM). A proposta foi elaborada no marco do proxecto de cooperación transfronteirizo POCTEP Migramiño, liderado pola Xunta desde 2017, financiado con fondos europeos e que ten como obxectivo a protección e conservación dos peixes migradores nesta conca.

As novas normas adoptadas de cara ao vindeiro ano van destinadas a protexer as especies fluviais de interese preferente; en concreto, establécense vedas para o uso de redes de trasmallo, butrón e cabeceira, cañas e liñas, reducindo o período hábil de pesca. Tamén se definen por primeira vez cupos e tamaños no exercicio da pesca recreativa para o salmón (1 exemplar), reo e troita (8 exemplares), sábalo (1 exemplar) e saboga (5 exemplares) por pescador e día. No caso de pesca en embarcación duplícanse os cupos, excepto no caso do salmón, que se mantén sen cambios. Tamén se unifica a talla mínima para a pesca do reo e da troita en 25 centímetros.

Grazas ao proxecto Migramiño, esta será a primeira vez que se estableza unha base consensuada para a xestión dos recursos pesqueiros, co obxectivo de adoptar medidas e harmonizar criterios á hora de xestionar o aproveitamento das diferentes especies presentes na conca internacional do río. Parte destas medidas foron consideradas e aprobadas pola Comisión Permanente Internacional do Miño para o seu edicto de pesca 2021 e agárdase que o ano que vén tamén sexan de aplicación nos afluentes pontevedreses do río.

O documento no que se recolle esta proposta de medidas de xestión comúns para a pesca fluvial no TIRM e os seus afluentes foi desenvolvido contando coa opinión das administracións con competencias na xestión da pesca fluvial, expertos científicos e tamén entidades representantes de colectivos de pescadores de Galicia e do Norte de Portugal.

Un total de 31 medidasEn total, acordáronse 31 medidas para lograr unha mellor conservación e protección do ecosistema fluvial, un aproveitamento óptimo dos recursos pesqueiros e unha mellor xestión e harmonización lexislativa da pesca profesional, artesanal e lúdico-deportiva.

Entre as propostas destacan a creación dun coto internacional de pesca recreativa de salmón, a restrición do uso do trasmallo na desembocadura do Miño e da rede de cabeceira, a unificación de cupos de troita e reo e a fixación de cupo para salmón, saboga e sábalo. Tamén se propón a unificación de cuotas e tallas mínimas para a troita nos afluentes galegos e portugueses, entre outras medidas.

Actividade pesqueira no MiñoNo río Miño desenvólvese desde hai séculos unha pesqueira que aínda persiste na actualidade e que hoxe se concentra fundamentalmente na angula e na lamprea. Hoxe en día estas especies son un recurso moi importante para a actividade económica a ambos lados do Miño.

De feito, existen máis de 400 pescadores profesionais, 250 embarcacións activas e cerca de 300 pesqueiras en explotación utilizadas por 500 patróns e pescadores. A modo de exemplo, no caso da angula só durante a tempada 2019-2020 capturáronse 1.756 kg. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre